A Deputación acomete melloras no paseo fluvial de O Corgo, en Muíños

A Deputación de Ourense ven de mellorar a accesibilidade do paseo fluvial de O Corgo, en Muíños, dentro dun proxecto a través do que se reforzou a conservación da soleira existente nesta zona do complexo turístico-deportivo. 

Os traballos acometidos incluíron, ademais da mellora das zonas degradadas, a colocación de céspede de baixo mantemento para resolver os problemas de seguridade e accesibilidade detectados. Con isto, o complexo de O Corgo mellora un espazo habilitado para o uso dos visitantes e realza esta área como destino turístico.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, esta actuación serve de apoio para outras intervencións enfocadas cara o ocio e o tempo libre, co obxectivo da potenciación deste destino dende a perspectiva do deporte e a aventura, nas cales se deseñan e habilitan unha serie de espazos que dinamizarán esta área de actuación.

A iniciativa está enmarcada no proxecto Fronteira Esquecida, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.