A pesar do baixo nivel do río Arenteiro, O Carballiño ten garantido o subministro de auga

O concello do Carballiño informa que, segundo a empresa concesionaria do abastecemento de auga, solicitada polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, quen se mantén en contacto continuo coa firma, o subministro de auga está, neste momento, totalmente garantido aínda que o nivel do río Arenteiro sexa máis baixo do habitual por estas datas debido a escaseza de chuvias.

Actualmente, está ao nivel de finais de setembro ou principios de outubro, que é cando tradicionalmente máis baixo vai. Por todo elo, a día de hoxe non é preciso establecer máis restricións que as xa existentes, recollidas nun bando do alcalde de principios de xullo, no que se pedía á poboación que se limitase o consumo de auga para usos non imprescindibles.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello, pola súa banda, fai xa días que deixou de regar tanto na piscina como nos xardíns e zonas verdes da vila. Tamén suprimiu os baldeos das rúas, que xa so se realizan de forma puntual, como por exemplo por mor da Festa do Pulpo. O rexedor volve a facer un chamamento para que se realice un consumo responsable da auga.