A Deputación colabora coa XXXI edición da Festa da Vendima de Leiro

Presentación da XXXI Festa da Vendima en Leiro. Asisiten César Fernández Gil (Vicepresidente da Deputación Ourense), Francisco Fernández Pérez (Alcalde de Leiro) e Ramón Álvarez Bueno (Concellal de Cultura de Leiro).

A Deputación de Ourense colabora co Concello de Leiro na celebración da XXXI edición da Festa da Vendima, que se celebra o sábado 27 e o  domingo 28 de agosto cunha programación que inclúe a mostra de viños, os concursos de acios e carrozas, un mercado artesanal, concertos, actividades infantís, ou unha concentración de coches clásicos. 

César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, reuniuse co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e co edil de Cultura deste concello, Ramón Álvarez, para analizar os detalles da festa. César Fernández resalta a “fonda consolidación dun evento que leva máis de tres décadas reivindicando a nosa tradición arredor da cultura da uva, sen dúbida o gran motor económico da comarca do Ribeiro”. O vicepresidente segundo recoñeceu o traballo dos organizadores e sinalou a importancia deste tipo de festas como “dinamizadores do territorio”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Pola súa banda, Francisco José Fernández definiu a Festa da Vendima de Leiro como “un gran escaparate dos nosos mellores produtos”, destacando a “coidada programación” dunha edición na que sobresaen “os nosos tradicionais concursos, o xantar popular ou o musical ‘Camiñantes e cantantes’, que conta co apoio da Xunta de Galicia”. 

Programación da XXXI edición da Festa da Vendima de Leiro

O sábado 27 de agosto, o programa de actos da XXXI edición da Festa da Vendima de Leiro arranca co Concerto de Corais da Vendima (20,00 horas) e a apertura da 3º Mostra de Viños de Leiro, que estará amenizada cunha actuación musical. 

O domingo 28, a xornada comezará ás 10,00 horas coa recepción dos acios a concurso e a súa posterior exposición. As 12,00 horas, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, lerá o pregón desta edición da festa na praza do Cruceiro. Despois, quenda para o desfile de carrozas e charangas dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e a IV edición da Concentración de Coches Clásicos. 

As 14,30 horas do domingo celebrarase o xantar popular e despois, dende as 16,30 horas, entrega de premios ós gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e actividades infantís e festivas -incluíndo un espectáculo de maxia e unha festa da escuma- no Salgueiral, que acollerá durante todo o día o XVII Mercado Artesanal. As 17,45 horas, o CF Leiro disputa o seu partido de presentación da tempada e La Ocaband pecherá a xornada festiva co seu musical “Camiñantes e cantantes”, a partir das 21,00 horas.