O PP esixirá a limpeza de espazos públicos de maleza en zonas rurais de Ribadavia

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia denuncia o abandono absoluto do medio rural por parte do goberno municipal. Os populares pregúntanse que sentido ten que exista unha concellería do Medio Rural na estrutura do goberno cando o abandono do rural é absoluto e manifesto. Basta con darse unha volta por calquera das localidades do rural do Concello de Ribadavia para comprobar como a maleza medra descontrolada e moitas pistas de acceso a parcelas agrícolas están practicamente intransitables.

A situación é lamentable xa que en moitas localidades os veciños teñen dificultades para acceder cos seus vehículos ás parcelas agrícolas, fundamentalmente viñedos, e todo isto nunha época na que se están levando a cabo os traballos previos á vendima, un momento clave para a economía do noso concello e da comarca do Ribeiro. A veciñanza de Ribadavia observa atónita como o goberno municipal pon aos operarios do concello a facer traballos en fincas e inmobles privados, coa intención de vender favores políticos, mentres as vías públicas de titularidade municipal están invadidas de maleza ata o punto de que algunhas se atopan practicamente intransitables.

AVANTAR ACTIVIDADES

É inxustificable que mentres os operarios municipais se ven obrigados polo goberno a pintar fachadas, cambiar portas, levantar muros ou rozar e limpar inmobles de particulares sen existir os preceptivos expedientes de execución subsidiaria, a maleza invada os camiños, as áreas recreativas, parques e espazos públicos en todas as localidades do rural do concello.

Os populares sinalaron que esixirán que se actúe de inmediato na mellora dos espazos públicos e as infraestruturas de titularidade municipal das localidades do rural. Non pode ser que os sete concelleiros que que conforman o goberno estén mais preocupados das liortas entre eles que de arranxar os problemas da veciñanza de Ribadavia.