O delegado territorial supervisa as melloras no ximnasio do colexio de Carballeda de Avia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Carballeda de Avia, para supervisar, en compañía do alcalde, Luís Milia, o CEIP de Pena Corneira, as obras de adaptación do ximnasio para o seu uso debido á Covid – 19 por importe de máis de 22.000 euros.

O delegado territorial explicou a Xunta de Galicia vai executar este verán un total de 557 obras en centros educativos de toda a Comunidade por importe de 29.663.092,44€, dando continuidade ao compromiso do Goberno galego coa mellora das condicións de benestar da comunidade educativa, ao abeiro por primeira vez do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para o deseño dos centros post-covid.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén destacou que as obras comprometidas divídense en grandes actuacións (principalmente rehabilitacións integrais e cambios de cubertas e carpinterías exteriores)  e obras de mediana e pequena envergadura (ampliacións de espazos, melloras en patios, pequenas renovacións de fiestras, pintura, mellora da accesibilidade etc), como é a que hoxe estamos a visitar. Na provincia de Ourense levaranse a cabo 92 obras semellantes cun investimento de 1.912.502,82€, así como catro grandes actuacións por importe de case 1M€.

O representante do Goberno galego lembrou que a Xunta leva desenvolvidos nos últimos anos neste centro unha serie de actuacións como a colocación de dobre ventá, a renovación dos falsos teitos  e luminarias, a creación dun espazo de psicomotricidade ou a renovación da fontanería que supuxeron un investimento de preto de 110.000 euros.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€, configúrase como guía mestra de todas as intervencións que se están a facer nos centros educativos galegos apostando por uns centros de ensino mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino, máis sustentables e máis confortables para profesorado e alumnado.

As actuacións que se están a desenvolver nos centros xiran arredor de seis eixos de actuación que son o encaixe dos centros no espazo urbano, o seu aspecto exterior, os espazos de socialización, a distribución interior dos centros, o establecemento de polos creativos (espazos maker) e a eficiencia enerxética.