Teatro Agromar escenificará “O Imserso en Benidorm” o próximo domingo

Cando as Mulleres de Sagra fundaron o Teatro Agromar non podían imaxinar que tivera tan boa acollida nesta parroquia carballiñesa e entre o público de todo o concello. O domingo ofrecerán a comedia “O Imserso en Benidorm” no centro social de Sagra, a partir das 20.00 horas. Esta será a súa terceira obra representada e agora tamén son homes os que se unen ao elenco.

Suncita Pérez e María del Carmen Docampo foron as promotoras da primeira asociación de mulleres do rural. O pasado verán puxeron en marcha a primeira obra de teatro en Sagra. Ante o éxito colleitado, a vintena de maiores que forman parte do grupo teatral seguiu traballando para poder representar máis obras e demostrar que o teatro xa é para eles unha paixón. Así explica Suncita Pérez a evolución: “Conseguimos realizar unha labor sociocultural na parroquia e mellorar a calidade de vida dos maiores. O teatro é cultura e ademais ten moitísimos beneficios. Queremos que o público se ría e pase un bo rato con nós”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cómpre lembrar que a pasada primavera o Concello do Carballiño e o colectivo Mulleres de Sagra promoveron o proxecto Teatro Amador para Ucraína. O ciclo escénico contou con catro representacións no Auditorio Manuel María. Nesta ocasión, o Grupo de Teatro Agromar de Sagra ofreceu a obra “Vacacións do Imserso”. As aventuras dos personaxes continuarán este domingo coa función “O Imserso en Benidorm” e dende a agrupación anímase a todos os veciños e veciñas a participar.