O PSOE esixe o desbloqueo da comisión da redacción da ordenanza do botellón

O PSdeG-PSOE de Ourense esixe o desbloqueo inmediato da comisión de redacción da ordenanza do botellón ante o elevado número de protestas veciñais polo ruído e o consumo de alcol no casco histórico da cidade durante a fin de semana. As e os socialistas salientan a necesidade de retomar este documento urxentemente a través dun enfoque transversal, en conxunto con outras normativas como as de ruídos, veladores e tráfico, e co consenso de todos os axentes sociais, asociacións e persoas implicadas.

“É máis importante que nunca retomar axiña esta comisión de traballo, impulsada polos socialistas e que leva paralizada dende xullo de 2021, hai máis dun ano” sinalan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que alertan da “falta de sensibilidade do microgoberno de Jácome” con este fenómeno social, que está a conducir á “progresiva e irreversible deterioración do casco histórico da cidade, coa consecuente degradación da convivencia veciñal”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o grupo socialista lembran tamén que a ordenanza municipal reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda, publicidade e promoción de bebidas alcólicas no espazo público do concello de Ourense –comunmente coñecida como a ordenanza do botellón–, pretende desenvolver a competencia municipal no consumo de bebidas alcólicas de calquera gradación na vía pública, co fin de evitar os problemas derivados das reunións masivas en prazas e parques co alcol como vehiculizador.

Para concluír, as e os socialistas reivindican, como xa fixeron en anteriores ocasións, “un plan de intervención tanto a nivel social como educativo” para paliar as consecuencias derivadas desta práctica e fomentar o desenvolvemento de hábitos respectuosos e saudables a nivel individual e colectivo.