Formoso sinala que os lumes son “consecuencia do abandono” do rural por parte do goberno galego

O líder dos socialistas galegos advirte de que Galicia ten o 17 por cento da superficie queimada en toda España

Insta ao goberno de Alfonso Rueda a desenvolver unha “política forestal e de ordenación do territorio ambiciosa” para rematar coa lacra dos incendios forestais

AVANTAR ACTIVIDADES

Pol, 24 de agosto de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, advertiu hoxe que “o lume é a consecuencia do abandono do rural” por parte do goberno galego. Así o dixo na visita hoxe á Festa do Emigrante do Concello de Pol, que este ano alcanza a súa 37 edición, xunto co alcalde, Lino Rodríguez, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o portavoz parlamentario, Luis Álvarez, e cargos públicos e orgánicos dos socialistas de Lugo.

O líder dos socialistas galegos emprazou a desenvolver “unha política forestal e unha política de ordenación territorial ambiciosas” que, subliñou, “é a base da revolución que este país necesita” e “para que os lumes sexan unha anécdota no futuro”. Urxiu a mudar a “fórmula” fracasada do goberno galego, responsable do “abandono do rural que conleva o resultado de lume en Galicia”.

Explicou neste sentido que “cando o goberno galego non ordena o rural, cando non ten a ambición de potenciar forestalmente o rural, o que está a facer é provocar o abandono das aldeas de Galicia, e a súa consecuencia é o lume”.

Afeoulle ao goberno galego que o 17 por cento das 200.000 hectáreas calcinadas este verán pertenzan a Galicia, onde arderon 40.000 hectáreas de monte logo de “40 anos que levan renunciado a unha política de ordenación forestal”.

Zona catastrófica

Valentín González Formoso salientou na parte positiva que o goberno central teña atendido á petición trasladada dende o PSdeG “dende o primeiro minuto” para declarar 20 zonas catastróficas en Galicia.

O Decreto aprobado polo goberno de España, dixo, “fai xustiza con este país”, e permite que “centos de familias, empresas, concellos e administracións afectadas polo lume poidan ter unha liña de axudas clara”.