Programación para a fin de semana: festa venezolana, teatro e San Vitorio en Maside

Esta fin de semana, sábado e domingo, volve a Festa Venezolana ó Carballiño, un evento de confraternización para unir a un colectivo que cada vez é máis amplo neste municipio.

O evento comezará tanto sábado coma domingo ás 12:00 horas, e contará coma sempre cun ambiente familiar, xogos e música tradicionais, actuacións locais e un festival de talentos os dous días ás 17:00 horas. O sábado, actuará Selene a Anselmo como nota musical e o domingo Pilates Mat e DJ Tibu. E non podía faltar a comida, bebida e postres típicos venezolanos. Nakary Agüero falounos máis sobre estas xornadas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Teatro cas mulleres de Sagra

A Asociación de Mulleres de Sagra, creadoras do grupo de Teatro Agromar, ofrecerán o próximo domingo a comedia “O Imserso en Benidorm” no centro social de Sagra, a partir das 20.00 horas. Esta será a súa terceira obra representada e agora tamén son homes os que se unen ao elenco.

O pasado verán puxeron en marcha a primeira obra de teatro en Sagra. Ante o éxito colleitado, a vintena de maiores que forman parte do grupo teatral seguiu traballando para poder representar máis obras.

San Vitorio 2022 en Maside

O concello de Maside celebra esta fin de semana as súas festas patronais máis importantes, as do San Vitorio 2022. O sábado día grande co desfile da Banda de Música de Boborás e ás 12:00 horas misa solemne con procesión. Pola tarde, Feira de Artesanía Infantil e o partido de fútbol entre o Maside e o Arenteiro B. Pola noite, orquestras Athens e Charleston Big Band. Á media noite, gran tirada de fogos artificiais. O domingo, misa e procesión ca Banda de Música de Ramiras. E pola noite, orquestras Alkar e Gran Parada.

O luns, nesta última xornada festiva, celebrarase a Romaría da Rañoa cos concertos de Amanda Von Blank, El Sueño de Ítaca e The Impossiblues. Ás 00.00 horas, sesión de lume para poñer o broche de ouro a estas festas.