A unidade de investigación de incendios forestais pilla in fraganti unha muller en Amoeiro cando se desprazaba polo monte con pastillas de acendido e un chisqueiro

  • A investigación estase a realizar conxuntamente con axentes da Policía Autonómica da xefatura de Ourense e as actuacións remitiranse o Xulgado de primeira instancia de Ourense
  • A localización deste indicio súmase aos descubrimentos nos distritos forestais XVIII (Vigo-Baixo Miño), no distrito XIX (Caldas-O Salnés) e no distrito III (Santiago-Meseta Interior)

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2022.- A Unidade de Investigación de Incendios Forestais – UIFO da Consellería do Medio Rural pillou in fraganti unha muller no concello de Amoeiro cando se desprazaba polo monte con pastillas de acendido e un chisqueiro presuntamente en tentativa de provocar un incendio forestal.

Así, os axentes da UIFO estableceran dende hai varios días un operativo de vixilancia na parroquia de Trasalba ao detectar a existencia de actividade incendiaria. Ademais, atoparon artefactos incendiarios e pastillas de acendido nos sete lumes rexistrados na zona dende o pasado 13 de agosto, coa colaboración do persoal do Distrito Forestal XII (Miño-Arnoia). Grazas á rápida actuación do Servizo de prevención e extinción de incendios, a superficie afectada entre os sete lumes non chegou a unha hectárea.

AVANTAR ACTIVIDADES

A investigación estase a realizar conxuntamente con axentes da Policía Autonómica da xefatura de Ourense e a presunta autora destes lumes púxose a disposición xudicial en calidade de investigada.

Esta operación súmase ás realizadas ao longo deste verán polos axentes da UIFO. Así, no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño) atoparon un artefacto incendiario e unha cabicha provista dun sistema de ignición, concibida para ser depositada no monte e prender lume de xeito retardado. Tamén atoparon papeis de xornais amoreados no punto de inicio de dous conatos rexistrados no distrito forestal XIX (Caldas-O Salnés) e unha pastilla de acendido noutro conato do distrito III (Santiago-Meseta Interior). Todos estes indicios avalan a intencionalidade dos lumes ao ser acendidos de forma premeditada.

Ademais, cómpre sinalar que existen outras liñas de investigación abertas que concluirán na detención dos presuntos causantes. Así mesmo, a Xunta quere deixar claro que, cando se probe que algún lume que se rexistre é provocado, o culpable pagará por todo, con penas de cárcere e co seu propio patrimonio. Non quedarán impunes e pagarán co que teñan os gastos de extinción, porque ademais de danar os montes, poñen en risco a vida de persoas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.