O Psdeg de Pereiro de Aguiar solicita ao concello a mellora real da estrada que une a Derrasa e Santa Marta para acadar unha mobilidade global e sostible

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Piden a mellora desta estrada executando unha senda peonil e ciclista, eliminando barreiras e obstáculos, repavimentando e renovando a sinalización, algo reclamado polos socialistas xa en 2017

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A pesar de que o Concello si realizou obras na vía no último lustro, o PSdeG-PSOE denuncia que “nin é unha beirarrúa nin unha senda peonil e ciclista, senón unha simple cuneta de recollida de pluviais”

Pereiro de Aguiar/Ourense, 26 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar solicitou ao concello, a mellora da estrada que une os núcleos da Derrasa e Santa Marta deste municipio ourensá, co fin de “impulsar realmente e a maior brevidade posible” a “seguridade vial e a confortabilidade de peóns, ciclistas e condutores e condutoras”, así como para afondar na mobilidade sostible e global, fronte aos “remendos” executados ata o de agora que non acadaron unha mobilidade universal.

Os e as socialistas recordan que en 2017 presentaron unha moción na que solicitaban “o acondicionamento e construción dunha senda peonil con carril bici e a mellora da seguridade na estrada municipal dende a OU-536 na Derrasa ata Santa Marta”, unha iniciativa que recabou os votos de Democracia Ourensana, SON de Pereiro e PSOE, pero que o Partido Popular rexeitou.

“A pesar de que foron executadas obras en varias fases ata sumar un investimento total de 300.000 euros, o resultado  non se axusta nin ao reclamado na moción nin as necesidades reais dos usuarios e usuarias”, aseveran desde o grupo municipal. “Non é nin unha beirarrúa nin unha senda peonil e ciclista, senón unha simple cuneta de recollida de augas pluviais da estrada”,  tampouco se procedeu á repavimentación e pintado da sinalización, nin a instalación de iluminación pública nalgún tramo.

O PSdeG-PSOE de Pereiro asegura que estas obras tampouco serviron para emendar un problema que consideran “fundamental” resolver á maior brevidade: non suprimiron barreiras e obstáculos que impiden unha mobilidade universal. Así pois, salientan que as actuacións executadas non se atopan dentro da lexislación vixente en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade e mobilidade reducida. “Queremos garantir un uso non discriminatorio desta vía”, insisten.

E, por iso, reclaman ao goberno local que proceda á mellora desta estrada “mediante a construción dunha senda compartida peonil e ciclista, pavimentación e sinalización, así como, a eliminación de barreiras e adaptación dos obstáculos actuais para o acceso a persoas con mobilidade reducida ou discapacidade de acordo con a lexislación vixente”.

Os e as socialistas destacan a “vital importancia” de afondar nas políticas municipais de mobilidade sostible, porque “este reto global esixe tomar medidas tamén a nivel local” pero, sobre todo, porque “son accións para mellorar a confortabilidade e a seguridade dos veciños e veciñas do noso concello”. “Os poderes públicos e as administracións deben fomentar o transporte público, pero tamén incentivar cambios cara unha mobilidade menos contaminante” e as sendas peonís e ciclistas son “fundamentais para isto”, recordan.

“A mobilidade universal e sostible debe ser unha prioridade para os gobernos e para a veciñanza”, conclúen antes de sinalar que esta proposta do PSdeG-PSOE para a vía entre Santa Marta e A Derrasa “reúne claramente os requisitos para facer de Pereiro un municipio moito mellor” algo que, coa obra executada ata o de agora, resulta “claramente imposible”.