Gabriel Alén pon énfase na programación cultural do xacobeo 21-22 que busca a implicación de toda a sociedade galega

Este serán na participación do espectáculo Desafío Extremo dentro do Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona,

  • O delegado territorial subliñou que a Xunta apoia esta iniciativa baixo o paraugas do Xacobeo co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade nestes tempos difíciles
  • A programación do festival contempla tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores magos e magas do mundo, que  en Ourense se desenvolverá o 1 de outubro
  • Así mesmo, as funcións Maxia na Rúa: Maxia no Camiño, que se levarán a cabo nos concellos de Barbadás, Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa, O Carballiño, Coles, Celanova Maceda, Pereiro de Aguiar, Leiro, Maside, San Cibrao das Viñas, Verín e Xinzo de Limia
  • Tamén a gala, Maxia Solidaria, o 30 e 31 de setembro na Unidade de Pediatría do CHOU, destinado aos rapaces e parazas que polas súa  circunstancias non poden  acudir ao espectáculo

Ourense, 26 de agosto de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou este serán na Rúa do Paseo no espectáculo Desafío Extremo dentro do Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que percorrerá toda Galicia entre o 1 de agosto e o 15 de outubro con máis de 220 actuacións en máis dun cento de concellos galegos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial subliñou que a Xunta apoia esta iniciativa baixo o paraugas do Xacobeo co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade nestes tempos difíciles.

Para Gabriel Alén este Xacobeo 21-22 busca a implicación de toda a sociedade na súa programación cultural con actividades espalladas por todo o territorio galego, xa que o Camiño de Santiago é o mellor reclamo turístico de Galicia. Ademais o Xacobeo tamén está vinculado con actividades relacionadas co deporte, a natureza, o patrimonio, a cultura, a gastronomía, e neste caso, maxia.

O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona incluirá nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar en emprazamentos céntricos dos concellos galegos para mostrar a maxia que ten Galicia a veciños e a visitantes neste Xacobeo 21-22.

A programación do festival, ademais destes 7 desafíos extremos levados a cabo nas 7 grandes cidades, acollerá tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores magos e magas do mundo, que  en Ourense se desenvolverá o 1 de outubro no Auditorio Municipal; as funcións Maxia na Rúa: Maxia no Camiño, que se levará a cabo nos concellos de Barbadás, Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa, O Carballiño, Coles, Celanova Maceda, Pereiro de Aguiar, Leiro, Maside, San Cibrao das Viñas, Verín e Xinzo de Limia; e a gala Maxia Solidaria, o 30 e 31 de setembro na Unidade de Pediatría do CHOU, destinado aos rapaces e parazas que polas súa  circunstancias non poden  acudir ao espectáculo.

A Xunta invita a desfrutar do ilusionismo neste Ano Santo e a camiñar a Galicia para descubrir a maxia que envolve a todos os recursos turísticos -as paisaxes, o patrimonio, ou a gastronomía- e todas as rutas do Camiño de Santiago.

O  Festival

Un dos obxectivos deste festival é ser un referente a nivel nacional, polo que se pretende elevar a arte da maxia a un novo nivel. Trátase dun dos festivais máis ambiciosos de Europa (en canto a número de accións, artistas e duración) coa posibilidade de que a marca Galicia sexa moi potenciada a todos os niveis. Debido a isto, búscase crear unha experiencia única e espectacular, atendendo polo miúdo a cada un dos detalles.

A nivel artístico, é fundamental para nós potenciar tres factores: contar coa presenza dos mellores e máis premiados ilusionistas do momento e do mundo, priorizar a igualdade neste mundo emerxente, coa presenza de Magas e Magos, en todas as accións que se levarán a cabo, e apostar pola maxia galega, contando con magos e magas galegos/as para unha boa parte dos espectáculos.

A nivel técnico, contaremos cos mellores e máis actuais equipos posibles. Toda unha exhibición de luz e son, con presenza de pantallas led e efectos especiais, tales como explosións pirotécnicas controladas ou canons de confeti, serán un dos puntos fortes que complementen os actos dos mellores magos do mundo na Gran Gala Máxica Internacional.

O festival ten unha duración de dous meses e medio, comezando o día 1 de agosto e rematando o 15 de outubro. Durante o mes de agosto terán lugar os desafíos de maxia extrema e grande parte das actuacións en concellos, aproveitando así os exteriores.

Durante setembro e outubro, a maxia inundará os teatros e auditorios coas galas internacionais, ao tempo que se manteñen actuacións en concellos.