A Agasp ofrece preto de 30 accións formativas para persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil

ARV participa no XXXIII Congreso Nacional SEMES (Sociedade española de Medicina de Urxencias e Emerxencias)
IES CHAMOSO LAMAS

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) convoca preto de 30 accións formativas para persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Trátase de seis cursos descentralizados básicos e de 16 de formación continua, así como doutros seis de náutica para a licenza de navegación que se van desenvolver ata decembro con carácter presencial e en liña. Convócanse por unha banda 150 prazas do curso básico de Protección Civil, dirixido aos novos voluntarios e, por outra, máis de 340 distribuídas en distintas actividades formativas de segundo nivel. A elas súmanse 120 da titulación náutica.

No caso dos cursos básicos, o contido abrangue aspectos como a protección civil, os riscos, accidentes e autoprotección, a loita contra os incendios, as comunicacións e as actuacións básicas ante emerxencias médicas. Realizaranse de xeito descentralizado nos concellos coruñeses de Ames e A Coruña, no ourensán do Pereiro de Aguiar e nos pontevedreses de Cerdedo-Cotobade, Dozón e O Porriño. O prazo de inscrición é ata o 23 de setembro.

OFERTA DE TRABALLO EN AVIÓN

Canto ao contido da formación continua, figuran prevención e loita contra incendios urbanos e forestais, accidentes na estrada, desfibrilación externa semiautomática, busca de persoas desaparecidas e tripulación en embarcación para preventivos acuáticos. Os lugares nos que se vai desenvolver son Bergondo e Trazo, na provincia da Coruña; O Incio, Chantada, O Vicedo, Riotorto e Mondoñedo, na de Lugo; A Veiga, Muíños, Lobios, O Pereiro de Aguiar, O Bolo, Cortegada e Mancomunidade do Ribeiro, en Ourense; e en Pontevedra, na provincia pontevedresa. Pódense presentar solicitudes ata o 30 de setembro.

Por outra banda, os cursos de titulación náutica para a licenza de navegación van dirixidos ás persoas que teñan superado o curso básico de Protección Civil e pertenzan a un concello adscrito ao Plan de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) en 2021 ou que teña encoro no que se desenvolvan probas deportivas ou de adestramentos. Levaranse a cabo nos portos deportivos de Muros, A Coruña, Viveiro, Castrelo de Miño, Vilanova de Arousa e Vigo ao longo de outubro. O prazo para presentar as solicitudes remata o 20 de setembro.

A través desta iniciativa, os participantes adquirirán coñecementos de navegación e a capacitación necesaria para pilotar unha embarcación de ata seis metros no desenvolvemento das funcións encomendadas.

Coa convocatoria destes case 30 cursos descentralizados a AGASP quere darlle resposta á alta demanda rexistrada ao tempo que lles facilita a asistencia ás persoas interesadas. Para participar en calquera deles cómpre formalizar as solicitudes a través da páxina web da Academia. Trátase de accións enmarcadas no plan formativo deste ano da AGASP, co que se reforza a formación presencial achegándose a cifras anteriores á pandemia, ao tempo que se segue apostando pola preparación en liña e a descentralización formativa.

Centro de referencia na formación

Cómpre lembrar que AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén, coma neste caso, dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

A Academia conta con cursos nun completo plan de formación continua dirixidos a persoal da Policía Local e aos profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia, isto é, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil, xunto cos servizos de emerxencias incluídos nas resolucións publicadas hoxe.

A Xunta aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias e leva realizando un importante investimento en apoio ao mantemento dos servizos de emerxencias e na dotación de equipamento, tanto das AVPC e dos GES cun importante investimento de máis de 22 millóns de euros nos últimos anos, así como colaborando no financiamento anual dos GES e dos consorcios provinciais e comarcais de bombeiros.