A Xunta publica as guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para as aldeas modelo de Osmo en Cenlle e de Muimenta en Carballeda de Avia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se someten a información pública os borradores de guías de ordenación produtiva de dúas aldeas modelo: da de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, e da de Muimenta, no municipio de Carballeda de Avia, nesa mesma provincia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Así, no caso da aldea modelo de Osmo, en Cenlle, establécese unha zonificación dos terreos para definir como actividades principais a explotación porcina en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e o viñedo. Como actividade secundaria establécese para unha das zonas definidas a plantación de árbores para obtención de froito. Neste caso, a figura da aldea modelo abrangue un perímetro de 23,4 hectáreas, distribuídas en 153 parcelas de 48 propietarios.

Mentres, na aldea de Muimenta, en Carballeda de Avia, apóstase, como actividades principais, por un sistema agroforestal, combinando prácticas de aproveitamento do monte con agricultura, así como por cultivos de ciclo curto. As actividades secundarias serían a xestión forestal activa, priorizando a protección das masas de frondosas, e os cultivos leñosos, tales como viñedo, oliveiras ou froiteiras. Neste caso, a figura abrangue unha superficie de 34,02 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 1.660 parcelas de 241 propietarios. Ademais, cómpre destacar que nunha parte desta aldea aprobouse por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a declaración de Espazo Agrario de Experimentación.

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelo deben ter en conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende mañá, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/aldeas-modelo/guias-de-ordenacion-produtiva/