Dende o Concello de Piñor informamos que o vindeiro luns 5 de setembro, o persoal dos Servizos Socias desprazarase ó CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), que é o colexio de referencia do concello, para impartir a charla “OS PROGRAMAS DE EDUCACIÓN FAMILIAR: A COORDINACIÓN CO ÁMBITO EDUCATIVO E MITOS SOBRE OS SERVIZOS SOCIAIS”, destinada a todo o persoal docente do colexio. Dita iniciativa terá lugar de 10:30h a 12h na Aula se Música de devandito centro, e está contemplada dentro do proxecto do Programa de Educación Familiar 2022-2023, financiado pola Consellería de Política Social e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.
O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é un servizo que ademais de traballar de forma individualizada coas familias diferentes problemáticas (menores en situación de risco ou desamparo, conflitividade familiar, dificultades educativas, drogodependencias, etc) tamén leva a cabo actividades comunitarias que permitan traballar aspectos preventivos que favorezan o desenvolvemento axeitado da familia e infancia. O traballo de coordinación cos centros escolares é esencial para poder coñecer e mellorar o benestar dos menores, e é algo que se mantén de forma estable co CPI Virxe da Saleta. Non obstante, considérase importante manter unha liña de comunicación co profesorado na cal ademais de explicar en qué consiste o Programa e como se traballa coas familias, tamén se podan aclarar moitos dos mitos que rodean ós S. Sociais, e que moitas veces poden dificultar a intervención. Lonxe de ser unha exposición teórica, a charla pretende ser un diálogo entre ambos axentes, para coñecer mellor a labor de ambos e crear unha rede de coordinación forte entre ambos sectores. Xa no ano 2018 se levara a cabo unha iniciativa similar, e a experiencia valorouse de forma especialmente positiva.