O Psdeg “aplaude” a “aposta histórica” de Sánchez co ferrocarril de Ourense grazas á implantación de novos servizos avant e á gratuidade de toda a media distancia

“Ningún goberno e ningún partido fixo antes unha aposta tan sólida polo ferrocarril e tan beneficiosa para a cidadanía” destacan antes de recordar que, como xa anunciaran, os Avant tamén serán gratuítos

O PSOE ourensán celebra que, en materia ferroviaria, a nosa provincia só avanza cos socialistas, os únicos que adoptan estas medidas que, advirten, “nin PP nin BNG apoiaron con seu voto a favor no Congreso”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 1 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense “aplaude” a decisión “histórica” do Goberno central de apostar polo ferrocarril da provincia e de Galicia, grazas a medidas “inéditas” que, desde hoxe, permite a gratuidade da totalidade dos traxectos de media distancia (MD) que atravesan Ourense para aqueles viaxeiros e viaxeiras con abonos multiviaxe.

Así mesmo, tamén celebran o “importante incremento de servizos e prazas” en trens de media distancia Avant que unen Ourense co Eixo Atlántico, a través da implantación dun servizo con saída da capital ourensá ás 6:45, así como coa reserva de prazas de media distancia en trens de larga distancia nos que se poderán usar os títulos multiviaxe bonificados ao 100 %. Desde o PSdeG-PSOE aplauden a reposición do primeiro tren MD do día por orde do executivo, unha medida moi demandada por traballadores e traballadoras.

“Nunca antes ningún goberno e ningún partido fixo unha aposta tan sólida polo ferrocarril e tan beneficiosa para a cidadanía” destacan os e as socialistas ourensáns antes de recordar que, como xa anunciaran desde un primeiro momento, os servizos de media distancia de alta velocidade Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña tamén serán gratuítos desde hoxe.

A medida carácter retroactivo para aquelas persoas que compren os seus abonos multiviaxe antes de que se publique o decreto que regulará a decisión do executivo de Sánchez. “No caso concreto dos usuarios e usuarias recorrentes do Avant galega, a decisión adoptada polo Goberno central poderá supor, por exemplo, un aforro mensual de varios centos de euros”, destacan os e as socialistas.

O PSOE ourensán celebra que, en materia ferroviaria, a nosa provincia só avanza con gobernos socialistas, os únicos que adoptan estas medidas “históricas” que, advirten, “nin PP nin BNG apoiaron con seu voto a favor no Congreso”, unha actitude que cualifican como unha “afronta” de nacionalistas e conservadores contra os intereses da nosa veciñanza.

Esta histórica decisión adoptada cun goberno socialista, pretende impulsar o uso deste tipo de transporte público para garantir a mobilidade cotiá, cun medio de transporte seguro, fiable, cómodo, económico e sostible como é o ferrocarril, nun contexto económico complexo provocado pola invasión rusa de Ucraína.