A organización pide medidas de control áxiles e efectivas ante o aumento dos ataques
Unións Agrarias está recollendo nas súas oficinas comarcais da comarca do Ribeiro, queixas xeneralizadas polos danos que están a producir as mandas de xabaril nos viñedos da Denominación de Orixe Ribeiro nestes días previos á colleita. Unha situación especialmente difícil porque a uva xa está madura e lista para a vendima que se iniciará de inmediato e durará uns 20 días.
Nesta última semana as denuncias se concentran en Beade, Carballeda de Avia, e en viñedos de Toén. As incursións poden deixar perdas de ata 2.000 euros nunha soa noite, xa que os xabarís comen os acios de uva que están listos para a colleita, entrando en parcelas nas que non se pode proceder ao peche completo, e onde os animais están incluso a traspasar os cercados de protección con pastores eléctricos.
En Beade dáse a circunstancia de que existen terreos sometidos ao réxime cinexético común ou zonas libres de caza, aqueles que a vixente Lei 13/2013 de caza de Galicia, clasifica como tales cando non están xestionados por ningunha Sociedade de Caza baixo a figura de Terreo Cinexéticamente Ordeado ou TECOR. Isto implica que nesa zona a responsabilidade do control da poboación do xabaril e dos danos que produza en cultivos, ven sendo directamente da Xunta de Galicia.
UUAA ven de solicitar por escrito á Xefatura Territorial de Medio Ambiente de Ourense, a posta en marcha dun plan integral de control do xabaril nas zonas produtivas do Ribeiro, de xeito que se coordinen medidas inmediatas de control de danos mentres dure a presente campaña de colleita da uva, e de cara a temporada que ven, o despregamento de medidas de control das mandas do xabaril. Nas zonas produtoras, a fin de compatibilizar a presenza da fauna cinexética coa actividade agraria, non queda máis remedio que reducir a súa poboación.
A produción de uva en Ourense, ven sendo unha das últimas actividades agrarias que xestionan o territorio na provincia, toda vez que xa non existe apenas produción de leite, e a de carne diminúe ano a ano, así como a actividade forestal, que apenas supón o 5% do conxunto de Galicia. Polo que é fundamental coidar a produción de uva e a rendibilidade destas explotacións de cara ao futuro inmediato para evitar o abandono e axudar así na prevención do lume e protección do territorio.
Unións lembra que dende o pasado sábado 20 de agosto, xa está aberta a tempada de caza do xabaril, e que polo tanto urxe que nestas zonas de danos, se programen as primeiras batidas do ano de xeito inmediato, e con criterios de prevención de danos nos cultivos, ata que sexa efectiva a recollida da uva. É preciso que esta situación de tendencia crecente destes danos se aborde dun xeito integral dende a Xunta de Galicia, coordinándose cos TECOR e Sociedades de Caza, para ir por diante deste problema, e non por detrás como está a suceder nestes últimos anos.
UUAA demanda igualmente da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade, e se garanta a colaboración da gardería de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren cos TECOR na busca de solucións inmediatas nos casos en que o xabaril e corzo afecten ás explotacións de viñedo, poñendo en risco a súa viabilidade.
Por último lembra que pon os servizos xurídicos da organización, á disposición dos agricultores afectados para as reclamacións no xulgado da indemnización dos danos, tanto na zona libre de caza, dependente da Xunta, como naqueles casos de evidente xestión neglixente por parte dos TECOR e Sociedades de Caza responsables.