O Psdeg logra o apoio unánime do pleno municipal para que a rúa situada entre a alameda e a praza de abastos reciba o nome do alcalde republicano Manuel Suárez Castro

Os socialistas lograron tamén o apoio do conxunto da corporación para unha iniciativa a favor de establecer medidas urxentes fronte ás picadas, a submisión química e a violencia sexual contra as mulleres

A moción para o cesamento de Ucha pola súa temeridade ao permitir a un grupo de xente subir ao teito da comisaría da Policía Local no Rally de Ourense foi aprobada cos votos en contra de DO e Bermejo

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 2 de setembro de 2022. O PSdeG-PSOE vén de lograr a aprobación por unanimidade dunha moción de consenso para que a rúa situada entre a Alameda e a Praza de Abastos número 1 pase a recibir o nome do alcalde último alcalde republicano de Ourense, Manuel Suárez Castro, en cumprimento dunha iniciativa aprobada hai case 19 anos. A presentación da iniciativa para honrar o legado do rexedor fusilado polos fascistas en 1937 contou co acompañamento do neto do alcalde –Pablo Suárez Vázquez–, quen interveu para amosar o seu agradecemento en nome da familia Suárez Castro e recibiu un sonoro aplauso da corporación ao finalizar.

“Presentamos unha iniciativa para dar cumprimento dun acordo plenario de xaneiro de 2004 polo cal se instaba ao goberno local a honrar a figura do rexedor fusilado, Manuel Suárez Castro, dedicándolle unha rúa céntrica da cidade”, explicou o propoñente da moción, Rafa Villarino, quen cedeu a segunda quenda de intervención para que falase a familia do rexedor.

No texto da moción, as e os socialistas destacan e reclaman o legado do alcalde represaliado, cuxo papel na construción da praza de abastos redundou nunha obra que “contribuíu a dinamizar o comercio e xerou riqueza e prosperidade para a cidade”.

Por outra banda, o grupo socialista logrou tamén o apoio do conxunto da corporación para unha iniciativa a favor de establecer medidas urxentes fronte ás picadas, a submisión química e a violencia sexual contra as mulleres, unha iniciativa promovida polo PSdeG-PSOE a nivel galego.

A concelleira Concha García aclarou, durante a súa intervención, en que “os pinchazos son un delito, con ou sen submisión química” ao tempo que insistiu en que “non podemos chamarlle broma a unha agresión”, posto que “estamos ante unha cara máis da violencia contra as mulleres”. Por este motivo, a edil reivindicou a imperiosa necesidade de establecer “medidas urxentes e firmes encamiñadas a establecer espazos seguros e guías de actuación”.

Así mesmo, García criticou que o protocolo establecido pola Xunta en resposta ás insistentes demandas da oposición no Parlamento de Galicia, recoñeza que “o propio Goberno galego coñecía que existía un aumento do 33 % de agresións sexuais asociadas á submisión química”, un dato que tachou de “moi grave”. “Se sabían isto, tardaron demasiado en elaborar e aplicar este protocolo”, censurou García. “A realidade é que a oposición fixo o seu traballo, por iso vostedes moveron ficha, como adoita acontecer”, censurou.

Cesamento de Telmo Ucha

A moción a prol do cesamento do edil Ucha pola súa temeridade ao permitir, durante o Rally de Ourense, que un grupo de persoas “escalase” ao teito da comisaría da Policía Local, foi aprobada cos votos en contra de Democracia Ourensana e do edil tránsfuga Laureano Bermejo, que eludiron condenar a irresponsable conduta do concelleiro de Seguridade.

“Nós, nesta moción, pedimos o cesamento ou dimisión do concelleiro Ucha pola súa evidente temeridade ao permitir a un grupo de persoas escalar á azotea do edificio da Policía Local, pero tamén por tentar obstaculizar e impedir o labor fiscalizador da oposición”, especificou Xosé Rúas, quen condenou que o edil Ucha “empregue a sede da Policía Local coma se fose o seu domicilio particular”, ante a actitude constantemente agresiva e de confrontación expresada polo concelleiro de DO durante o debate da moción.

No texto da iniciativa, as e os socialistas sinalan que, logo de acceder a un informe de avaliación realizado polo equipo de prevención de riscos do Concello de Ourense, constatan o “grave risco de caída existente na azotea do edificio policial, cuxa cualificación é deficiente ao non dispoñer de varanda nin agarradoiras dentro da denominada liña de vida nos vértices e bordes que rodean o perímetro do mesmo”.

“Se un fillo meu quixera subir á azotea da Policía Local, o seu deber como concelleiro de Seguridade sería protexer a súa integridade física, impedíndolle a ese meu fillo que subise. Vostede debe asumir a súa responsabilidade e non ser contumaz no seu erro”, puxo de manifesto Rúas sobre o edil Ucha na súa intervención.