A Reportaxe: “Meiladas. Memoria viva do río Arenteiro”

     O documental Meiladas. Memoria viva do río Arenteiro é un proxecto audiovisual realizado por un grupo de alumnos e profesores do IES Chamoso Lamas ao longo do curso 2021-22. Enmárcase dentro doutro proxecto máis amplo dentro do programa de innovación educativa da Consellería de Educación chamado Fotografía en curso, coordinado en Galicia polo CGAI. O documental foise construíndo a  partir das entrevistas realizadas a persoas vinculadas con diferentes  industrias no río Arenteiro, sobre todo muíños e aserradoiros, así como con  actividades de conservación e protección do mesmo. Entrevistas que eran de entrada unha toma de contacto entre estas persoas e os alumnos participantes no proxecto, que consistía nunha reportaxe fotográfica sobre esas industrias e espazos, hoxe en gran medida desaparecidos, e os últimos habitantes dos mesmos. Pouco a pouco as entrevistas foron tomando entidade propia e suxerindo un relato que se acabou convertindo nesta peza documental.