A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de 830.316 euros en subvencións para o financiamento dunha vintena de proxectos e servizos locais e intermunicipais, iniciativas de carácter social e actividades de entidades culturais. En cooperación local, o Concello de Piñor vai contar con 14.000 euros para o Rally Mix.
Cooperación con mancomunidades
No capítulo local cómpre engadir catro achegas para outras tantas entidades supramunicipais: 50.000 euros para a mancomunidade do Ribeiro; a mesma cantidade para Verín; e 20.000 para a entidade turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, nestes tres casos con destino a gastos de funcionamento. A mancomunidade da comarca de Ourense recibirá 15.000 euros para traballos medioambientais.
En canto a colaboración con entidades concedéronse as seguintes subvencións: 14.500 euros para Queiman y Pousa S.L. destinados a un proxecto audiovisual sobre a Ribeira Sacra; 4.000 para a escola de baile e música tradicional da asociación cultural Rebulir; 6.000 para o colectivo Xingros que promove o Festival Hércules Brass; 2.000 con destino a gastos de funcionamento da asociación de veciños Santa María de Ansemil; e 21.000 euros coa mesma finalidade para a Fundación de Discapacitados Psíquicos da comarca de Verín.