A Confederación Hidrográfica analiza a situación da seca e pide facer un uso responsable da auga

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, celebrou a VIII reunión da Oficina/Mesa Técnica da Seca HP Miño-Sil, constituída o pasado mes de febreiro.

Datos

AVANTAR ACTIVIDADES

No actual ano hidrolóxico 2021/22, a precipitación media acumulada na Demarcación do Miño-Sil é de 641,0 l/m2, un 42% por debaixo da media histórica. Durante o mes de agosto rexistrouse unha precipitación media de 25,6 l/m2, un 21% inferior ao valor medio.

Os encoros están ao 47,62% da súa capacidade máxima, un 2,26% máis que a cantidade de auga almacenada hai un ano e un 13,89% menos que a media histórica de recheo. Os caudais circulantes están un 35% por debaixo da media histórica.

“A falta de chuvia fai que esteamos ante o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica 1980-2021; aínda que similar ao actual serían os anos 2002, 2005, 2011, 2012 e 2017, o que amosa os efectos adversos do cambio climático” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.

Situación

Tendo en conta todo o anterior e de acordo co PSE –Plan Especial de Seca-, os escenarios actuais son Normais no Baixo Miño; Prealerta no Alto e Baixo Sil e Miño Alto; e Alerta nas concas dos ríos Cabe e Limia. Polo tanto, a diferenza é que a conca luguesa do Miño entra no escenario da Prealerta.

Problema e recomendacións

Houbo restricións e necesidade de abastecemento con depósitos en núcleos de 44 concellos da demarcación. Así mesmo, na maior parte do territorio, os Concellos teñen prohibidos usos non prioritarios, como o lavado de rúas, o rego de xardíns, o recheo de piscinas, o lavado de coches ou as fontes públicas, tal e como recomenda este organismo.

Por outra banda, resolvéronse 20 solicitudes de aproveitamentos temporais con captacións alternativas, a maioría de uso gandeiro.

As previsións a medio prazo, ata o 30 de novembro, prevén que a situación de seca continúe, xa que todas elas coinciden na maior probabilidade de que no próximo trimestre (setembro-novembro) as precipitacións sexan inferiores ás habituais. Neste sentido, dende a CHMS seguen insistindo na necesidade de facer un uso eficiente da auga e adoptar as medidas necesarias por parte dos usuarios para consumir o recurso estritamente necesario.

Como recomendacións xerais, dende a CHMS lembraremos aos Concellos a necesidade de manter o uso sostible da auga e a aplicación das medidas de aforro que xa están levando a cabo; evitando o lavado de rúas, rego de xardíns, campos deportivos, eliminación de fontes, entre outras medidas. Ademais, volverán enviar cartas ao resto de Usuarios da Auga, como Comunidades de Regadíos e empresas hidroeléctricas, instándolles a realizar actuacións que melloren a eficiencia no uso deste recurso.

“A adopción de medidas e a sensibilización da poboación desde os concellos, para o uso racional e responsable da AUGA, sempre é fundamental e sobre todo ante escenarios de SECA como o actual”, concluíu o presidente da CHMS.