O Psdeg Psoe de Ourense celebra conquerir que as mascotas viaxen en autobus urban

O PSdeG-PSOE celebra que, grazas ás achegas do PSdeG-PSOE ao regulamento do transporte colectivo de viaxeiros, Ourense é unha das únicas 7 cidades de toda España que xa permiten ás propietarias e propietarios de mascotas viaxar en transporte urbano portando os seus animais de compañía. Así o establece un estudo recentemente publicado por Pablo Muñoz, creador da guía “Pipper on tour“, na que o autor avalía o nivel de integración da súa mascota nas máis de 100 cidades españolas que percorreu para a elaboración deste manual.

Dende o grupo socialista lembran que o regulamento que dispón os dereitos e deberes das persoas usuarias do transporte colectivo de viaxeiros é o resultado dun proceso no que as e os socialistas foron o grupo que máis emendas presentou –cun total de 18–, e tamén o que logrou unha maior porcentaxe de aceptación das mesmas, con 10 emendas incorporadas, entre as que se atopan o establecemento de paradas antiacoso, o acceso con bicicleta ou patinete sen necesidade de abonar un suplemento ou outras medidas encamiñadas a garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, ademais da autorización para as mascotas.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A día de hoxe, só San Sebastián, Irún, Cartaxena, Fuengirola, Palma de Mallorca, San Cugat del Vallés e Ourense autorizan ás persoas usuarias deste medio de transporte a acceder aos vehículos cos seus animais”, destacan dende o grupo socialista, ao tempo que salientan estar “moi orgullosos de que Ourense apareza destacada nesta guía como cidade dog-friendly grazas ao traballo realizado polo noso grupo, que redunda nun transporte colectivo máis universal, máis inclusivo e máis asequible para todas e todos”.

Así mesmo, as e os socialistas defenden que, dende o goberno municipal, se contemplen, no futuro prego de contratación do servizo urbano de Ourense, outras propostas e iniciativas que quedaron fóra deste regulamento, como a adhesión á plataforma europea “Women in Transport“, para o fomento da empregabilidade feminina neste sector; ou o fomento do transporte verde, garantindo que o 25 % da frota de autobuses sexa híbrida ou eléctrica, para paulatinamente ir incorporando novos vehículos e acadar, nun período de 10 anos, unha frota de cero emisións na cidade.