O FETEGA concede o premio de honra a Eduardo Rodríguez Cunha, “Tatán”: titiriteiro, actor de teatro, cine, televisión

O Festival do Teatro galego fai público o Premio de Honra “Dorotea Bárcena 2022”, que entregará coa clausura do festival, a noite de mañá venres 9 de setembro no Carballiño. Este ano, amosando unha vez máis a versatilidade de avaliación que brinda ao espectro das artes escénicas, o Premio de honra é para Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, pola súa ampla traxectoria de 39 anos nos que comezou como marionetista e se converteu nun referente do teatro de obxectos en Galiza, fundador, entre outras de Tanxarina Teatro en 1983 (ver biografía e cv abaixo).

Co recoñecemento persoal ao benquerido Tatán o FETEGA estende o premio a esta arte escénica polo que lle trasladan a Tatán a responsabilidade de portar este premio como recoñecemento ao teatro de títeres e esta arte escénica en específico. Pero máis alá desta faceta profesional, destacan a versatilidade dun home que tamén se ten desenvolto coa excelencia da profesión como actor enriba dos escenarios e diante das cámaras cinematográficas. Tal é paixón artística de Tatán que tamén está presente na interpretación musical.

AVANTAR ACTIVIDADES

E por riba de todo isto, dende o FETEGA afirman que o Tatán, Eduardo, ten ben gañada a súa fama como unha excelente persoa e malia que os criterios son profesionais non podemos deixar de mencionar este aspecto na concesión do Premio de Honra Dorotea Bárcena 2022. Tatán estreou recentemente o seu proxecto musical “Tatán chapeu”, unha ducia de cancións escritas para contar historia.