O Plan de Sustentabilidade Turístico en “Ourense Termal” explora novos mercados

O Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, liderado pola Deputación de Ourense, inclúe no plan de acción activo ata finais de 2024 a formación de empresas que operan no sector turístico dos municipios con balnearios da provincia para que melloren a súa xestión. E dentro desta liña de traballo, o balneario de Laias, en Cenlle, acolleu esta mañá unha sesión de traballo co obxectivo de abordar as estratexias de comercialización e negociación asertivas con clientes e provedores, alén dos elementos que configuran o estilo de comunicación dos operadores.

No encontro de traballo, no que estivo presente a xerente do Inorde e do Plan de Sustentabilidade Turística, Emma González, participaron empresas que operan co sector turístico dos concellos ourensáns con balneario -Arnoia, Cortegada, Cenlle, Baños de Molgas, O Carballiño, Lobios, e Leiro-. A formación correu a cargo do experto Antonio Martín.

AVANTAR ACTIVIDADES

Coa actividade desta mañá, explicou Emma González, buscamos realizar “unha prospección de mercado, á vez que analizamos as nosas fortalezas como destino para identificar novos nichos especializados, sobre todo no ámbito sociosanitario e deportivo, combinando os recursos naturais do territorio coa oferta do sector privado”.

Unha actividade formativa pivotada ao redor do viaxeiro, o turismo de saúde, o turismo de deporte e o futuro do sector
O formador Antonio Martín resalta que a actividade estivo composta “por tres bloques, cada un deles enfocado nunha liña de traballo: o primeiro, centrado en ofrecer as ferramentas necesarias sobre como tratar aos nosos viaxeiros, actuais e futuros; unha segunda parte que engloba o turismo de saúde e turismo deportivo; e, por último, falamos do futuro do turismo para estar desa forma preparados para os viaxeiros que nos visiten”
Ademais, “o que pretendiamos tamén con esta actividade era recoller as suxestións do propio sector en canto á posibilidade de definir os produtos de nicho a testar nas seguintes accións. Nunha segunda fase realizaranse unha serie de viaxes de familiarización destinados aos prescriptores que se identificaron de interese”, sinalou Emma González.
O Plan “Ourense Termal” permitirá entre 2022, 2023 e 2024 a transformación competitiva dos quince municipios termais rurais da provincia, a través de diferentes actuacións que deixarán “ao noso territorio nun posicionamento moi competitivo co resto de destinos que poidan ofrecer termalismo, e máis agora que somos a porta de entrada do AVE a Galicia, polo que debemos aproveitar a oportunidade que nos brinda estar a pouco máis de dúas horas de Madrid para captar cada vez máis a ese turista que provén do mercado de proximidade pero, sobre todo, abrirnos e explorar novos mercados, tendo sempre presente que ha de ser compatible coa nosa filosofía de apostar por un turismo sustentable e de calidade”, engadiu a xerente do Inorde.
O Plan de Sustentabilidade Turística está a executarse grazas a un convenio de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, superando os 3 millóns de euros de investimento.