A Xunta mellora as instalacións da asociación de veciños de Santa Cruz e San Vitorio de Arrabaldo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as instalacións das asociacións de veciños Santa Cruz e San Vitorio de Arrabaldo, na cidade ourensá, para coñecer as melloras realizadas pola primeira delas e as previstas pola segunda co apoio da Xunta. As accións enmárcanse no Plan Específico de Acción Comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais dos exercicios 2021 e 2022, respectivamente, e suman 30.287 euros.

Así, coa axuda recibida o pasado ano, a Asociación de Veciños e Veciñas Santa Cruz de Arrabaldo mellorou a accesibilidade e o equipamento do seu centro social, cun orzamento de 14.150 euros. Neste caso eliminouse a diferenza de nivel existente entre a beirarrúa do local e a vía pública, e instalouse unha varanda nas escaleiras de acceso, así como un foco para mellorar a iluminación nesa zona. Xa no interior, nas salas de actividades cambiouse o pavimento por tarima cun illante para evitar a humidade e renováronse os baños, ademais de adaptalos ás necesidades das persoas con mobilidade reducida.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pola súa banda, a Asociación de Veciños e Veciñas San Vitorio de Arrabaldo, ten prevista a mellora das súas instalacións cunha achega da Xunta de 16.137 euros ao abeiro do Plan Específico de Acción Comunitaria deste ano. A contía destinarase a garantir a accesibilidade ao edificio e á renovación da instalación eléctrica, así como a equipamento informático e diverso mobiliario, entre outras dotacións. 

Segundo sinalou a directora xeral, o obxectivo das axudas é contribuír a satisfacer as  necesidades e demandas da veciñanza a prol do benestar da cidadanía e da calidade de vida no eido local. “Supoñen unha aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal”, apuntou.

Nesta liña, Natalia Prieto referiuse ao importante labor que desenvolven as asociacións de veciños e de veciñas visitadas hoxe, xa que fomentan actividades de lecer e de convivencia para distintas xeracións, e especialmente para persoas maiores que precisan dunhas instalacións accesibles e seguras.

Máis de 1M€ para entidades ourensás

A través do Plan Específico de Acción Comunitaria, a Xunta investiu no período 2021-2022 na provincia de Ourense Máis de 1,1M€ euros. Só na cidade ourensá, a achega do Goberno galego nos dous últimos anos foi de case 200.000 euros. A iniciativa conta este ano cun orzamento total de tres millóns de euros, a máis elevada xunto coa de 2016, cando comezou esta liña de subvencións. Neste período o Goberno galego leva investido no plan específico de acción comunitaria 16 millóns de euros.

Para as entidades veciñais e as organización de mulleres rurais, o plan conta cunha liña de subvencións para obras de mellora dos inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso; e outra para a compra de equipamentos. Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter axudas a través deste programa para a execución de obras de reparación e mellora de traídas veciñais de auga.