A película “La Manzana de Oro”, patrocinada pola Deputación, competirá pola Espiga de Oro da Seminci

O filme está dirixido polo cineasta Jaime Chávarri e foi rodado integramente no pazo de Bentraces e outras localizacións da provincia durante seis semanas e media

Esta película tamén terá protagonismo no Festival Internacional de Cine de Ourense, no que Chávarri recibirá o Calpurnia de Honra

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recoñece o “excelente traballo” do equipo dirixido por Jaime Chávarri e define “La Manzana de Oro” como “unha das películas españolas clave dun ano que é, sen dúbida, histórico para o audiovisual con ADN ourensán”

Ourense, 12 de setembro de 2022.- A película “La Manzana de Oro”, dirixida por Jaime Chávarri e patrocinada pola Deputación de Ourense, optará á Espiga de Oro da Semana Internacional de Cine (Seminci) de Valladolid. O filme, que supón a volta á dirección de Chávarri despois de 17 anos, foi rodado integramente no pazo de Bentraces e outras localizacións próximas da provincia durante seis semanas e media.

“Esta excelente nova é outro paso máis dentro da forte estratexia do goberno provincial por converter a Ourense nun gran plató de cine”, recalca o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que recoñece o “excelente traballo de todo o equipo profesional técnico e artístico capitaneado por Jaime Chávarri, un home referencial do noso cine e que será homenaxeado no Festival Internacional de Cine de Ourense coa Calpurnia de Honra”.

Manuel Baltar define “La Manzana de Oro” como “unha das películas españolas clave dun ano que é, sen dúbida, histórico para o audiovisual con ADN ourensán, con fitos coma a rodaxe de cinco proxectos de xeito simultáneo -o filme de Chávarri xunto a ‘O home e o can’, ’13 exorcismos’, ‘Honeymoon’ e a serie ‘Motel Valkirias’, ampliado neste verán coa gravación de ‘Amigos hasta la muerte’ e ‘El tirabeque”. 

“La Manzana de Oro” é unha adaptación da novela “Ávidas pretensiones”, de Fernando Aramburu, e conta no seu reparto con actores como Sergi López, Marta Nieto, Adrián Lastra ou os ourensáns Elena Seijo e Abelo Valis. 

Protagonismo no Festival Internacional de Cine de Ourense

O cineasta Jaime Chávarri recibirá a Calpurnia de Honra do 27º Festival Internacional de Cinema de Ourense – OUFF, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro deste ano. Ademais, o festival dará protagonismo a “La Manzana de Oro” e publicará un volume ao redor da súa figura a cargo do crítico Alberto Abuín, dentro da súa colección “MonografíasOUFF”. 

Entre as novas xa avanzadas polo equipo do OUFF tamén sobresae o protagonismo outorgado ao cinema rodado en Ourense ou a presentación ao sector audiovisual da Ourense Film Commission, a ferramenta creada pola Deputación para seguir avanzando na consolidación da provincia como un destino idóneo para a rodaxe de películas e series. Entre os premios coñecidos, ademais da homenaxe a Chávarri, Pablo Trapero recibirá a Calpurnia de Honor Internacional; a directora Alauda Ruiz de Azúa foi recoñecida co Premio Eduardo Barreiros por “Cinco Lobitos” -preseleccionada aos Premios Oscar; o deseñador de son Carlos Faruolo recibirá o Premio Especial do OUFF e Lucía C. Pan, o Chano Piñeiro

Dentro da programación, o OUFF proxectará seis films relacionados co Camiño de Santiago dentro do Ciclo Xacobeo, adicaralle un ciclo ao cineasta mexicano Nicolás Echevarría e acollerá o estreo da reconstrución de Pepe Coira de “Canto de emigración”, filme de Antonio Román de 1934 do que actualmente no existe ningunha copia. 

Ademais, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle dende este xoves, 14 de setembro, unha exposición inédita de fotografía: “Cineastas de Galicia” da autoría do fotógrafo ourensán Xulio Gil, consta de 52 retratos dos principais directores de cine protagonistas  do mundo da creación cinematográfica en Galicia nos últimos trinta anos.