O BNG de San Cibrao das Viñas reclama a reapertura inmediata do ximnasio do Polideportivo municipal

O ximnasio, situado na planta baixa do Polideportivo municipal, pechouse con motivo da COVID-19, mais a día de hoxe e segundo o BNG, xa non hai motivos que xustifiquen dito peche

Ourense, 11 de setembro de 2022. O BNG no Concello de San Cibrao das Viñas reclama a reapertura do ximnasio municipal situado na planta baixa do Polideportivo municipal, situado na Praza da Constitución, ao carón da Casa do Concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

Como ben sinalan os nacionalistas no escrito que veñen de rexistrar no concello, “como consecuencia da pandemia orixinada pola COVID-19 e as medidas preventivas adoptadas durante os dous últimos anos para previr a súa expansión, deixaron de prestarse determinados servizos públicos e pecháronse varias instalacións municipais ao non estar recomendado o seu uso por constituir un foco de contaxio”.

Mais a día de hoxe, lembran desde o BNG, cunha situación sanitaria moito máis favorable, son moitas as institucións que van recobrando a normalidade coa reapertura de instalacións públicas e a prestación dos servizos cancelados. É o caso do ximnasio situado ao carón da Casa do Concello de San Cibrao das Viñas, no que se fixera unha grande inversión no 2019 e que a día de hoxe permanece pechado sen causa que o xustifique, impedindo á veciñanza poder desfrutar e facer uso das súas instalacións.

Por todo o exposto con anterioridade é polo que desde a formación nacionalista reclámanlle ao Goberno Local á reapertura do ximnasio municipal á maior brevidade posíbel, permitindo deste xeito, que a veciñanza que o desexe poida volver facer uso do mesmo.