O PsdeG de Marín e o eurodeputado Nicolás G. Casares reúnense co sector pesqueiro en Marín

Os socialistas Manuel Pazos e Diego González, o eurodeputado Nicolás González Casares e o exsecretario xeral de Pesca, José Loira, manteñen unha xuntanza con OPROMAR e a Cooperativa do Mar de San Miguel en apoio á pesca de fondo ante a decisión da Comisión Europea

 Marín, 12 de setembro de 2022

AVANTAR ACTIVIDADES

PSdeG-PSOE pon en marcha unha campaña para apoiar a pesca de fondo. O obxectivo desta iniciativa, que conta co apoio da Federación Galega de Confrarías, é tratar de reverter a intención da Comisión Europea de prohibir todas as actividades relacionadas coa pesca de fondo (arrastre, palangre, anzol…) en 94 zonas de pesca en caladoiros de España, Portugal, Francia e Irlanda. Unha medida que, de saír adiante, terá un duro impacto no sector pesqueiro galego e na nosa economía.

Co propósito de debullar os puntos desta campaña, o voceiro do grupo socialista en Marín, Manuel Pazos, o concelleiro Diego González, o eurodeputado Nicolás González Casares e o exsecretario xeral de Pesca, José Loira, reuníronse en Marín con representantes da Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR) e da Cooperativa do Mar de San Miguel.

“O sector da pesca galego é ambientalmente sostible, ademais de ser un motor económico e de emprego na nosa comunidade. Os socialistas imos reclamar ante a Unión Europea que se eliminen as medidas restritivas que se están barallando e que se baseen en informes científicos e datos rigorosos”, explica o europarlamentario socialista.

Os  socialistas rexeitan a medida adoptada pola Unión Europea polas seguintes razóns:

a)         A decisión debe apoiarse en informes científicos ben fundamentados e aceptados.

b)        Debe debaterse cos organismos consultivos e co propio sector pesqueiro.

c)         A medida aplícase de xeito indiscriminado a todas as artes de pesca e frotas, sen ter en conta a sistemática de pesca ou a selectividade das mesmas.

d)        A frota galega cumpre de xeito claro e rigoroso con todas as normativas aplicadas á súa actividade.

e)         A decisión ten un impacto económico e social claro e directo nas frotas afectadas, sen que se presente ningunha alternativa ou compensación.

Con estes argumentos presentes, os socialistas continuarán a defender os intereses dos traballadores e traballadoras do mar, a reunirse co sector pesqueiro e a negociar coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Unión Europea ata conseguir que esta situación tan prexudicial para os intereses de Galicia se reverta.