Veciñanza en pé de loita

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Mais de 50 veciños das parroquias de Castrelo, Cabanelas e Tomonde, dos concellos de Forcarei, A Estrada e Cerdedo-Cotobade respectivamente, asistiron na mañá do 11 de setembro á charla informativa sobre o P.E. Cabanelas, en exposición pública até o 13 de outubro de 2022.
O parque eólico Cabanelas é un proxecto que xa se ven tramitando dende hai anos e que agora se recupera transformado pola promotora Greenalia. Sitúase a continuación do parque eólico Pedra Longa (Greenalia), que estivo en fase de alegacións apenas fai dúas semanas recibindo unha clara oposición por parte dos afectados, e dos parques eólicos As Penizas (Greenalia), Ampliación As Penizas (Greenalia) e Borreiro (Naturgy), en distintas fases de tramitación. En conxunto forman unha liña de 21 aeroxeradores e todas as demais infraestruturas asociadas (torres meteorolóxicas, gabias de cableado, plataformas de cimentación, apertura de novos viais e sobre
anchos, centros de seccionamento e subestación, liñas de media e alta tensión, etc.) que supoñerán unha sobrecarga absolutamente insostible dende moi distintos eidos e unha merma da propia calidade de vida dos veciños.
Entre os mapas expostos (todos sacados do proxecto) atopábanse o mapa de afectacións sonoras, a relación de bens afectados, ou o das poligonais dos terreos onde pretenden executar os proxectos.
Así mesmo, tamén se referiron datos económicos do proxecto concreto Cabanelas e as súas afectacións e ligazóns con outros parques sitos no entorno.
Ao malestar veciñal pola ameaza gravísima que supón a desfeita eólica, súmase o enfado increscendo pola inacción dos concellos afectados, que lonxe de estar do lado dos veciños, mentres non manifesten en feitos o contrario, parecen estar en suma complicidade coas empresas eólicas.
Por iso, e coa vontade de seguir divulgando e compartindo a información e os recursos que os organismos negan, a asociación continuará coas charlas informativas e tantos outros actos necesarios para parar esta barbaridade amparados na forza veciñal unida