A Deputación inicia en outubro unha nova tempada das PazoEscolas, cunha programación que ofrece doce modalidades deportivas e lúdicas

Dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, o obxectivo desta proposta é promover e divulgar os beneficios do deporte, de modo especial en idade escolar, ademais de fomentar o seu carácter educativo, lúdico e de socialización

Para formalizar a matrícula, que ten un custo de 90 euros por modalidade, as persoas interesadas poden descargar o formulario de inscrición desde internet (pazopacopaz.es) e entregalo na recepción do pavillón Paco Paz

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 14 de setembro de 2022.- A Deputación de Ourense inicia en outubro unha nova tempada das PazoEscolas Deportivas, cunha programación que ofrece a posibilidade de practicar ata doce disciplinas diferentes de exercicio físico e actividades de carácter lúdico. Unha proposta deseñada para nenas e nenos de entre 3 e 12 anos e que terá como sede principal o Pavillón dos Deportes Paco Paz, aínda que se pretende estender o programa aos concellos facilitando así a incorporación de novas modalidades ao dispoñer de máis espazos e horarios.

O obxectivo destas escolas é fomentar os beneficios do deporte, de modo especial en idade escolar, ademais de divulgar o seu carácter educativo, lúdico e de socialización. Coa finalidade de promover a colaboración entre o sector público e privado, garantindo así unha ampla e mellor oferta, contémplase tamén a sinatura de convenios con entidades e federacións deportivas. 

As disciplinas ofertadas son fútbol sala masculino e feminino, hóckey, basquet, judo, bádminton, voleibol, psicomotricidade, ximnasia rítmica e acrobática, tenis de mesa e bailes. En xornada de tarde e cunha hora de duración, todas as modalidades impártense dous días á semana, agás o tenis de mesa que só ten clases os martes. A programación de baile (zumba e niveis 1 e 2) tamén é diferente, pois amplía a idade dos alumnos ata os 18 anos e a duración das clases será de corenta e cinco minutos.

Para formalizar a matrícula das PazoEscolas Deportivas, cun custo de 90 euros por modalidade, as persoas interesadas poden descargar o formulario de inscrición desde internet (pazopacopaz.es) e entregalo na recepción do pavillón de deportes da Deputación.