Sabucedo acolle este venres unha charla informativa sobre o parque eólico cabanelas

O parque eólico Cabanelas está xerando unha forte oposición e descontento por parte da veciñanza afectada. O pasado domingo os asistentes á reunión informativa sobre o proxecto que tivo lugar en Castrelo manifestaron a vontade de facerlle fronte ao macroproxecto eólico que pretende instalarse na zona, do que o PE Cabanelas é so unha parte. As afeccións que producirán a instalación dos 5 novos PE (con 21 aeroxeradores e demais infraestruturas necesarias) afectará a unha ampla extensión do territorio lindeiro entre os Concellos de A Estrada, Forcarei e Cerdedo. Neste caso, os impactos na zona de Sabucedo, Tomonde ou Codeseda súmanse ademais aos que provocará o PE Campo das Rosas, promovido por Naturgy, contra o que xa se manifestaron os veciños o pasado mes de maio.

Este venres ás 20:30 da tarde está convocada unha nova charla informativa no Teleclub de Sabucedo (A Estrada). A Asociación Alarma na Terra de Montes continuará informando nesta xeira sobre as principais afectacións que provocará a implantación masiva e sen planificación de todos estes parques eólicos na contorna, para seguir concienciando á poboación na necesidade de crear unha fronte común e organizada fronte a imposición dunha idea de progreso e desenvolvemento absolutamente contraria aos principios da suposta “transición ecolóxica”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Representantes do colectivo reuniranse tamén o venres pola maña co tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, para trasladarlle o descontento veciñal fronte a oleada de proxectos e solicitar unha maior participación e unha implicación real na defensa dos dereitos e intereses da veciñanza. A semana pasada xa o fixeron coa alcaldía do Concello de Forcarei, que aínda non manifestou a vontade de crear a comisión permanente de seguimento de parques eólicos, aprobada hai máis dun ano, nin de dar cumprimento aos demais compromisos adquiridos en distintas actas plenarias aprobadas.

 O parque eólico de Cabanelas estará en fase de alegacións ata o día 13 de outubro e a recollida de sinaturas continuará o longo destas semanas. Este fin de semana haberá puntos de recollida na Feira de Labranza de Terreboredo (A Estrada) e no festival Son Labrego en Santiso. Tamén hai modelos de alegación dispoñibles na web de “Terra de Montes en Perigo” para todos aqueles que queiran colaborar. Ata o de agora xa se recolleron centos de alegacións asinadas e o pasado luns un lote de 100 xa foron presentadas no rexistro do Concello de Forcarei.