Mingos Teixeira trae a súa pintura abstracta ao Marcos Valcárcel

A exposición “Metafísica do eu” foi inaugurada esta tarde e poderá visitarse no centro cultural ata o 1 de novembro

Ourense, 14 de setembro de 2022.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle dende hoxe a exposición “Metafísica do eu”, de Mingos Teixeira, na que o artista amosa unha ampla mostra da súa pintura marcada pola abstracción e transposición ao lenzo dos seus diferentes estados de ánimo. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta tarde na inauguración da exposición xunto ao artista; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; e o director do centro cultural, Francisco González. 

Rosendo Fernández valorou a “altísima calidade” das obras expostas por Mingos Teixeira, que “amplían a oferta do Marcos Valcárcel, un motor cultural deste territorio e no que tamén se pode gozar estes días coa mostra do ourensán Zeta”. O vicepresidente tamén quixo reivindicar na súa intervención a “fonda aposta” da Deputación pola cultura. 

Domingo José Teixeira “Mingos Teixeira” (Vigo, 1955) deixou recentemente a súa cidade natal para asentarse en Treboedo (Maside). O artista agradeceu á Deputación a oportunidade de poder amosar o seu traballo no centro cultural Marcos Valcárcel, ao que chega despois dunha ampla experiencia expositiva de máis de corenta anos, en plena madurez creativa e vital. Teixeira fala do seu traballo dicindo que “procuro obras que poidan ser miradas e remiradas centos de veces e que cada visión presente interrogacións que esixan interpretacións afastadas da evidencia. Cando as cousas non están moi patentes, precisamente o que se fai é interpretar; o evidente vólvese invisible”.

Sobre este aspecto incidiu o director do centro cultural, Francisco González, quen subliñou que despois de tantos anos de traballo Mingos Teixeira chega a Ourense “cun estilo propio, asentado despois de décadas creando e ensinando a outras xeracións, ate o punto de que os seus cadros son claramente recoñecibles”.

Nesta liña, cómpre recordar a análise do crítico de arte Xabier Limia, que tamén se refire a Teixeira dicindo que “o artista trata de transcender a súa propia historia e ofrecernos os seus traballos, sempre pulcros nos resultados, cadros envoltos no celofán dunhas texturas sen estridencias, doces, de maina chuvia”.