Gabriel Alén destaca a diversidade musical dos concertos do xacobeo

Na presentación do espectáculo ‘O Camiño da pedra’ de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre

  • O delegado territorial subliñou a importancia do festival que, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, “encarnan que a cultura e as festividades que percorren todo o territorio neste Ano Santo, cunha oferta sen parangón para todos os públicos”
  • O concerto, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, desenvolverase mañá sábado, 17 de setembro ás 21,00 horas, na Praza Maior de Celanova
  • Gabriel Alén destacou a importancia da sinerxía entre administracións para a celebración deste Xacobeo, onde se conseguiu que “este Ano Santo e todas as celebracións ao seu arredor, acaden o éxito internacional e sexan un elemento tractor e dinamizador do sector cultural e turístico, elevando a Galicia como un dos destinos máis relevantes no eido cultural”
  • O representante do Goberno galego tamén se referiu ao OUR FEST Xacobeo 22, que se desenvolverá o sábado, 17 de setembro, no recinto feiral de Expourense, e que converterá a Ourense no epicentro da música

Ourense, 17 de setembro de 2022.– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación do ciclo musical Revenidas, que promove a Xunta de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Acompañado do alcalde de Celanova, Antonio Puga, o promotor, Alfonso Vilanova, e o músico e compositor Xavier Díaz, o delegado territorial da Xunta sinalou que este concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre que se desenvolverá mañá sábado, 17 de setembro, ás 21,00 horas na Praza Maior de Celanova, conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e responde ao dobre obxectivo de apoiar ás industrias culturais galegas e estender a celebración do Xacobeo a todo o territorio, dinamizando vilas e cidades.

Esta proposta musical terá ademais unha compoñente especial; o músico coruñés presentará un espectáculo único, que titulou O Camiño da Pedra, no que convida a artistas amigos a subirse ao escenario con eles para acompañalos nun concerto no que revisarán os temas máis significativos dos seus repertorios. Entre estes artistas figuran Margarida Mariño (Galicia), Daniel Pereira (Portugal), Carola Ortiz (Cataluña), Carlos Herrero e Héctor Castillejo, músicos do grupo El Naán (Castela e León), e Donald Shaw e Karen Matheson (Escocia)

Gabriel Alén destacou a importancia da sinerxía entre administracións para a celebración deste Xacobeo, onde se conseguiu que “este Ano Santo e todas as celebracións ao seu arredor, acaden o éxito internacional e sexan un elemento tractor e dinamizador do sector cultural e turístico, elevando a Galicia como un dos destinos máis relevantes no eido cultural”.

O representante do Goberno galego subliñou a importancia do festival que, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, “encarnan que a cultura e as festividades que percorren todo o territorio neste Ano Santo, cunha oferta sen parangón para todos os públicos”.

O delegado territorial tamén se referiu ao OUR FEST Xacobeo 22, que se desenvolverá o sábado, 17 de setembro, no recinto feiral de Expourense, e que converterá a Ourense no epicentro da música cun cartel que aúna a bandas, como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy ou The Big Moon; e propostas punteiras a nivel nacional, como a de Julián Maeso Big Band que ofrecerá un concerto especial en formato Big Band.

Os Concertos do Xacobeo é unha iniciativa da Xunta dentro das actividades do Xacobeo, que entre os meses de maio e novembro deste ano, mantén unha programación de música en vivo con máis de 100 acontecementos por toda Galicia. Neste programa de concertos participan máis de 500 bandas e artistas nacionais e internacionais de todos os estilos, para todas as idades e para todos os gustos.

O festival

O festival Revenidas, que cada ano se celebra en Vilaxoán, expande a súa programación da man do Xacobeo 21-22, para afondar no seu afán de promoción da música e da lingua galega a través dun ciclo de concertos que levará distintas formas de entender a música tradicional a vilas e cidades emprazadas máis alá do eixo atlántico que é onde se adoitan concentrar a maioría deste tipo de propostas.

O ciclo Revenidas – Xacobeo 21-22 congrega en tres localizacións diferentes a tres dos principais referentes da música tradicional galega, entendida e presentada desde postulados ben diferentes: Treixadura, banda de referencia da música tradicional que está a celebrar o seu 30 aniversario e que combina a mestura das formacións dos grupos de gaitas cos orfeóns de voces masculinas; Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, como representantes da renovación creativa e estética das nosas músicas de raíz; e Baiuca, como principal expoñente da translación da música tradicional á contemporaneidade a través da súa mestura coa electrónica.

O primeiro dos concertos deste ciclo Revenidas – Xacobeo 21-22 foi o de Baiuca, que se celebrou en Ribadeo o venres 2 de setembro. O de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre terá Celanova por escenario o sábado 17 de setembro. O ciclo pecharase coa actuación de Treixadura en Lugo o domingo 23 de outubro. Os tres concertos serán de balde, con entrada libre ata completar o aforo.