O presidente da Deputación asistiu esta mañá ás actividades encadradas na terceira xornada da Mobile Week Ourense e destacou o “potencial do noso ecosistema TIC, o mellor aval para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial”
Manuel Baltar felicitou ao equipo organizador por “unha excelente programación, cun deseño tan acaído que permite, por exemplo, que hoxe teña especial protagonismo a Intelixencia Artificial precisamente mentres loitamos para que Ourense albergue a sede da AESIA”.
Ourense, 17 de setembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, asistiu esta mañá ás actividades enmarcadas na terceira xornada da segunda edición da Mobile Week Ourense. Unha iniciativa nacida da alianza da Deputación e a Fundación Mobile Week Capital e que é, segundo remarcou o titular do goberno provincial, “unha boa mostra de que Ourense é unha capital tecnolóxica, cun ecosistema TIC de alto nivel que nos posiciona para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)”.
O presidente da Deputación destaca o “aliñamento das administracións públicas e a iniciativa privada para potenciar este polo de innovación, con ferramentas tan potentes como a Escola Superior de Enxeñería Informática, o Parque Tecnolóxico de Galicia ou o Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia”. Un contexto, reivindica Manuel Baltar, “no que a Deputación ten moito que ver, implementando unha frutífera estratexia baseada na cooperación coa Universidade de Vigo e outros axentes dinamizadores do territorio e liderando novos proxectos como o Centro de Innovación da Formación Profesional ou a cátedra para o desenvolvemento sostible do rural ourensán”.
Nesta aposta pola innovación sobresae, explica Manuel Baltar, fitos como a Mobile Week Ourense, a primeira de ámbito provincial realizada en España: “Esta segunda edición está superando as expectativas iniciais mentres nos permite avanzar na loita contra a fenda dixital e o acercamento da tecnoloxía á cidadanía, un obxectivo básico para seguir mellorando os servizos públicos”.
O presidente da Deputación felicitou ao equipo organizador da Mobile Week Ourense por “unha excelente programación, cun deseño tan acaído que permite, por exemplo, que nesta terceira xornada teña un especial protagonismo a Intelixencia Artificial precisamente mentres loitamos para que Ourense albergue a sede da AESIA”.
Intensa programación no Marcos Valcárcel
O Marcos Valcárcel foi hoxe o escenario principal da terceira xornada da Mobile Week Ourense, co mencionado protagonismo para a Intelixencia Artificial. O centro cultural da Deputación acolleu pola mañá as conferencias “Non hai metaverso sen metahumáns” -de Victor Feliz- e “A Intelixencia Artificial ao servizo do turismo” -de Alba Mejide-, ademais das presentacións da exposición de Abanca “AI: More than human” e “Aldealista, a gran big data no noso territorio”, por Juan Carlos Pérez e Juan Martín. A mañá pechouna Luis Garvía cunha sesión vermú na que falou do “blockchain”.
Na sesión de tarde, mentres no Marcos Valcárcel proxectáronse as mellores curtas de animación dos últimos 20 anos, a sede de Asesou acolleu unha procura do tesouro tecnolóxica e Bispo Cesáreo foi o punto de partida para unha actividade de orientación.
Última xornada da Mobile Week Ourense
A xornada de mañá domingo, a última da segunda edición da Mobile Week Ourense, estará protagonizada polo Family Day. Dende as 10,00 ata as 14,00 horas, na Escola Superior de Enxeñería Informática realizaranse actividades pensadas para que os máis pequenos se acheguen as novas tecnoloxías, así coma formación para pais e educadores. Entre outras iniciativas, unha Hora do Código -introdución ao deseño e impresión 3D- ou un taller Digicraft da Fundación Vodafone para construír un visor de hologramas.
Ademais, Celanova acollerá o xeotour “Celanova Xurés”, coa aplicación Geocaching. Dende a Praza Maior da vila -10,00 horas-, os participantes deberán localizar obxectos agochados nos arredores coa axuda desta app.