Profesionais e cidadáns achegáronse á Intelixencia Artificial e á tecnoloxía no rural na segunda xornada da Mobile Week Ourense

Alumnos do colexio Luis Vives (Ourense) participan nas actividades para escolares na Mobile Week Ourense no Centro Cultural "Marcos Valcarcel".
IES CHAMOSO LAMAS

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia e a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleron as propostas do día relacionadas co sector agrícola, a auga, a sustentabilidade das empresas de agroalimentación ou aplicacións para prever as enfermidades do viñedo

No Centro Cultural Marcos Valcárcel falouse da comunicación en Instagram, coa influencer ourensá Carla Gabián, e de música coa coñecida DJ e produtora ourensá Cora Novoa

HIPER MASIDE

Os concellos de Muíños e Taboadela acolleron senllos talleres para maiores nos que se profundou sobre a seguridade en internet, contando para elo coa presenza de especialistas da Garda Civil

Ourense, 16 de setembro de 2022.- A Intelixencia Artificial (IA) e a tecnoloxía aplicada ao ámbito agrícola protagonizaron hoxe a segunda xornada da Mobile Week Ourense 2022, cuxa programación tivo un marcado carácter profesional sen deixar de lado as actividades deseñadas para achegar o mundo dixital á cidadanía.

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia e a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleron as propostas do día relacionadas co sector da agroalimentación e maila auga. Os relatores, Antonio Saínz e Leticia Rodríguez, e os representantes do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC, e de Viaqua falaron da dixitalización do rego para optimizar os recursos e aumentar a produtividade, do proxecto Guardian para a loita contra incendios, as solucións ambientais para empresas e a capacidade da auga para transformar adaptar o territorio aos efectos do cambio climático a través da dixitalización. 

Na sede dos empresarios ourensáns, Deputación de Ourense, Inorde e CEO lanzaron a primeira edición dun programa pioneiro para o impulso da sustentabilidade en empresas do sector agroalimentario, contando coa dirección académica de CEOE Campus. Na xornada abordouse o desenvolvemento de avances normativos e a crecente demanda de empresas máis sostibles, o que supón cambios necesarios en aspectos como o envasado, o desperdicio alimentario, os residuos ou a enerxía. Unha necesidade de cambio que implica un gran esforzo, pero tamén unha oportunidade de traducilo en rendibilidade.

Tamén na CEO celebrouse a presentación da AppFitovit, unha iniciativa da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para prever episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas. 

Máis e mellores servizos para o cidadán

Durante a mañá, no salón de actos da Escola Superior de Enxeñería Informática buscáronse respostas aos retos que deben afrontar as administracións públicas coa aplicación da Intelixencia Artificial. O relator desta conferencia, Albert Mayol, head of Data Driven Transformation para Europa de NTT DATA, explicou que o sector privado adoptou mellor a IA “para coñecer ben aos seus clientes”, mentres que as administracións “deben empregar todas estas novas tecnoloxías para coñecer mellor ao cidadán e prestar máis e mellores servizos”.

A xornada de tarde, que incluíu novas sesións cos simuladores de condución, o escenario de Clash Royale ou a gamificación con realidade aumentada, continuou no Marcos Valcárcel cunha charla sobre a comunicación en Instagram, impartida pola influencer ourensá Carla Gabián, que posúe preto de 70.000 seguidores nesta rede social, aínda que sobre todo é recoñecida polas preto de 400.000 persoas que lle seguen en Tik Tok. A música pechou as actividades no centro cultural coa presenza da DJ Cora Novoa, compositora de música electrónica, fundadora do selo discográfico Seeking the Velvet e colaboradora en programas de radio, entre outras facetas.

Cumprindo cun dos obxectivos desta Mobile como é a deslocalización das actividades, os concellos de Muíños e Taboadela acolleron senllos talleres para maiores nos que se profundou sobre a seguridade en internet, contando para elo coa presenza de especialistas da Garda Civil.

Terceira xornada

Mañá sábado, o Centro Cultural Marcos Valcárcel será de novo o escenario principal da terceira xornada da Mobile Week Ourense, cun particular protagonismo para a Intelixencia Artificial que centrará varias das actividades programadas, entre elas a aplicación da IA ao turismo ou unha exposición internacional de Abanca en torno a este sistema. Tamén se falara do metaverso, como  tecnoloxía que permite interaccionar de modo multisensorial en entornos virtuais ou a animación 3D.

Outras actividades do sábado desenvolveranse na sede da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou) coa búsqueda dun tesouro tecnolóxico; na praza do Bispo Cesáreo haberá exercicios de orientación coa aplicación Tric Track; gamificación con realidade aumentada nos xardíns do Padre Feijóo; e no Irixo un taller para maiores sobre ferramentas móbiles.