Terras do Carballiño e os seus escritores (XV) : ” Jorge Emilio Bóveda “

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual


15-TERRAS DO CARBALLIÑO E OS SEUS ESCRITORES. Jorge Emilio Bóveda (San Xoán de Piñeiro, Maside, Ourense, 1975).

AVANTAR ACTIVIDADES

Un dos escritores máis prolíficos da comarca do Carballiño desde que en 2000 comezara a colaborar en volumes colectivos. Desde aquela a súa bagaxe como autor de ficción, que, por agora, remata coa novela “Anoitece en Vulgaria” (Toxosoutos, 2022), e cuantiosa e imposible de recoller aquí na súa totalidade, polo que anotaremos parte da súa obra en solitario. Aínda que como el di “naceu na clínica do Víctor” en Ourense, como masidao medrou na parroquia de San Xoán de Piñeiro. Actualmente é mestre de inglés no ensino público, como Diplomado en Linguas Estranxeiras pola Universidade de Vigo.

Escribiu para a web da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, o texto autobiográfico que reproduzo por chisposo e interesante: “Procedo dunha infancia de libros, cine fantástico, comics, inseguridades, desmotivación escolar e hiperactividade (cando inda non fora inventado o TDH). Percibín aptitudes temperás cara o debuxo, a música e a (proto)poesía pero, lamentablemente, interferiron negativamente nun sistema escolar que non comprendía a creatividade. As hormonas da adolescencia tampouco axudaron moito nos caóticos comezos da conformación da personalidade, ata que a inercia, as lecturas desordenadas, os rudimentos poéticos, a composición musical iletrada e despeiteada e os debuxos infantiloides atoparon a súa saída natural na redacción de textos cada vez máis longos. Coa entrada no mundo laboral como mestre de lingua inglesa comecei a facer sitio nas gabetas por medio de autoedicións deses textos, que comezaron a ser edicións estandarizadas no 2010 grazas a David G. Couso con Toxosoutos”. Remata engadindo que “hoxe “escrivivo”, pois escribo para vivir ou vivo para escribir. Hei descubrilo, ou non”.

Apaixoado da escrita, comezou a darse a coñecer nos certames de Relatos de Verán do xornal La Voz de Galicia, sendo finalista no ano 2000 co relato “Un cambio en su vida”. Igualmente interesado pola música, foi baixista e vocalista en varios grupos de Rock, e mesmo tocou o mundo audiovisual escribindo guións para curtametraxes. Na súa relación coa prensa, colaborando con artigos nos periódicos Mundourense, Ourense por Barrios e Noticias Galicia, engadindo colaboracións como debuxante de humor gráfico. Comezou na narrativa a publicar profesionalmente no 2010 con “A vila das ánimas”. Promotor da que proclaman como Xeración Illada, xunto ao tamén masidao Eladio Medel e máis Francisco Javier Fontenla, dérona a coñecer nun manifesto que se leu na feira do libro de Ourense de 2019. A Xeración promove desde 2020, a revista dixital Inviable.

Moi fan do cine de terror, Bóveda é autor da primeira obra en galego arredor do xénero, “A xanela escura. Tres arquetipos do terror no cinema: sangue, vida e vida tras a vida” (Urco, 2011), e igualmente autor dun ensaio sobre a ficción científica literaria no que tamén afronta o tratamento do cine de terror na literatura galega: “A xanela insólita. Historia reducida da ficción científica literaria” (Urco, 2014). Ademais de incursións na autoedición, publicou en Xerais, “As sete mortes de Leopoldo Pardo (do caso que lle aconteceu)” (2018); e en Galaxia, “Deserto García. Unha historia ao oeste” (2019) e “O libro cero”(2021). Tocou a literatura infantil e xuvenil con obras como “O sol do pasado” (Urco, 2014) e “O monstro de Ille” (Galaxia, 2017). Acadou o premio de novela Do Peirao 2018 por “Eternos propietarios”.



Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIV) : “Lito Vila Baleato “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIII) : “Pablo Nogueira Campo “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XII) : “Ramón Caride Ogando “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XI) : “José Manuel Mouriño”

Terras do Carballiño e os seus escritores (X) : “Xosé Prada Martínez”

Terras do Carballiño e os seus escritores (IX) : “Manuel Chamoso Lamas”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “