O teleclube de Sabucedo acolleu o venres 17 a continuación das charlas informativas que a Asociación Alarma na Terra de Montes está levando ás aldeas afectadas polo Parque eólico Cabanelas

IES CHAMOSO LAMAS

O teleclube de Sabucedo acolleu na tardiña do venres 17 de setembro a continuación das charlas informativas que a Asociación Alarma na Terra de Montes está levando ás aldeas afectadas polo Parque eólico Cabanelas, que está agora en exposición pública, ata o 13 de outubro, e que forma parte dunha arañeira de proxectos que sacrificarían de xeito irreversible o que nos queda de monte e benestar.
A asociación veu de reunirse tamén co tenente de alcalde da Estrada, Xosé Constenla, coa intención de que estes organismos asuman as súas responsabilidades e coñezan o malestar veciñal ante esta situación.
Á xuntanza informativa de Sabucedo estaban convidados os alcaldes de Forcarei e A Estrada, (non foi posible contactar co de Cerdedo-Cotobade), que facendo constar o insulso dos seus compromisos coa veciñanza, nin compareceron.
Ante a gravidade da situación e o atentado medioambiental que suporía a aprobación de calquera destes proxectos, a asociación seguirá esixindo que os concellos cumpran coas súas responsabilidades, de non facelo, seremos testemuñas da súa complicidade coas empresas dos macroeólicos que, faise saber, non serían quen de executar os proxectos sen fondos públicos, no caso concreto de P.E. Cabanelas, por exemplo, consta no proxecto que teñen un capital social inicial de 18000euros, cando o orzamento executador é de millóns de euros.
Por outro lado, e atendendo á solicitude de veciñas e veciños presentes na charla de Sabucedo a asociación fará máis charlas informativas e ampliará os puntos de recollida de alegacións, aos que se suma o teleclube de Sabucedo, e nesta fin de semana, a Feira da Labranza de Terreboredo e a Feira Labrega de Santiso.