A Xunta adxudica por máis de 120.000 € a redacción dos proxectos para rehabilitar 2 inmobles no centro histórico de Ribadavia

Están localizados na praza García Boente 1 e na praza de San Xoán 3, adquiridos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao abeiro do programa Rexurbe

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un total de 121.115 euros a redacción dos proxectos de rehabilitación de dous inmobles no centro histórico do concello de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase de dous edificios emprazados na praza García Boente 1 e na praza de San Xoán 3, que foran adquiridos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por un importe de 238.000 euros, ao abeiro do programa Rexurbe.

Estas actuacións súmanse a outras xa en marcha neste concello ourensán, como é a que se levará a cabo no inmoble da rúa Cervantes 16, cuxa redacción de proxecto de rehabilitación foi adxudicada por un importe de 21.780 euros o pasado mes de xuño.

Ademais, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adquiriu 4 inmobles máis no marco da oferta pública de adquisición do programa Rexurbe realizada en 2021 e está pendente de resolverse aínda a convocatoria de 2022.

Polo momento, o IGVS leva investidos máis de 354.000 euros na adquisición de 7 inmobles para rehabilitar no conxunto histórico de Ribadavia, número que se incrementará cos que previsiblemente se adquiran este ano.

Unha vez rehabilitados os inmobles, as vivendas resultantes serán adxudicadas en réxime de alugueiro con prezo reducido entre as persoas inscritas neste municipio no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia.