BNG exixe coordinación entre as administracións para o saneamento das augas no Concello da Bola

O Bloque Nacionalista Galego sinala a parálise das administracións -estatal, galega e local- para levar a cabo o proxecto de construción da nova depuradora no Concello da Bola, tras a resposta do Goberno do Estado ás preguntas rexistradas pola frente nacionalista. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda axilidade e coordinación para conseguir a mellora da calidade das augas e reducir a contaminación, así como estabelecer de forma urxente as partidas orzamentarias suficientes.

Após recibir a resposta do executivo estatal ás preguntas rexistradas polo Bloque Nacionalista Galego no Congreso, o deputado Néstor Rego, sinala a evidente falta de coordinación e comunicación entre as diferentes administracións que deberían colaborar para solucionar os problemas que arrastra o Concello da Bola en materia de saneamento de augas. Na iniciativa, a frente nacionalista exixía que a Confederación Hidrográfica tamén se comprometera a involucrarse no novo proxecto para a construción dunha nova depuradora de augas residuais (EDAR), igual que a Administración galega e local.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Sorprendentemente, vimos de coñecer que non existe unha comunicación constante entre as diferentes administracións que permita resolver o problema que atravesa o Concello da Bola. Semella que non queren solucionar as cuestións relativas ao saneamento das augas” afirma o deputado do BNG. Néstor Rego, ademais, lembra que estes problemas desembocaron na prohibición do baño no espazo fluvial de Ponte Barbón, no río Ourille, con carácter permanente, véndose tamén afectada o subministro da auga á poboación.

Desde o Concello da Bola manifestouse que a CHMS negárase a participar no Convenio para financiar esta importante obra, porén, na resposta, a Confederación vén de aclarar que en ningún momento comunicara a súa negativa. É máis, di estar disposta a valorar a sinatura dun convenio “si previamente se mantivera unha comunicación para chegara a un acordo”.

Para a organización nacionalista é imprescindíbel acometer “a renovación dos colectores incluíndo todos os non conectados á rede agora mesmo, e a construción da nova depuradora na zona de Ponte Barbón son actuacións moi necesarias e urxentes” declara a Concelleira do BNG na Bola, Vanesa GarcíaEsta actuación, explica García, debe ser “unha das prioridades políticas dos diferentes gobernos -estatal, galego e municipal-, debendo pór todos os medios para facilitar o seu desenvolvemento”.

Neste sentido, o deputado do BNG chama a estabelecer liñas de comunicación e coordinación para levar a cabo o proxecto no menor tempo posíbel e destinar as partidas orzamentarias suficientes para a construción da nova depuradora na zona de Ponte Barbón.