Espazo Común pide un plan de renovación e creación de instalacións deportivas

A formación de Espazo Común do Carballiño presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno na que piden un plan de renovación e creación de instalacións deportivas para o municipio. A continuación deixamos o texto íntegro no que a formación explica o motivo desta petición:

“O Carballiño é, históricamente, unha vila cunha gran tradición deportiva.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende sempre foron moitas as persoas que coma practicantes ou coma aficionados fixeron uso das diferentes infraestruturas adicadas a este eido coas que contamos.

Folga falar da importancia da educación e os valores que aporta a práctica de calquer deporte, sobre todo nos anos de formación dos nosos nenos e nenas e, polo tanto, do importante que resulta dar tódalas facilidades posibles para o seu desenvolvemento.

Sen embargo, coma en outros moitos ámbitos, O Carballiño leva anos quedando atrás con respectoa a outras vilas semellantes de Galicia pola falla de iniciativa e renovación das diferentes instalacións para a súa práctica.

Tampouco semella que chegara ao goberno local a nova de que hai xa moitos anos que numerosos deportes aparte do fútbol contan con grande número de seguidores e de novos adeptos.  Podemos destacar o inmenso número de veciños que exercen como atletas, patinadores ou ciclistas, só por nomear uns poucos.

Sirva coma exemplo do afirmado o feito de que incluso un deporte con tanta tradición coma o baloncesto despareceu do Carballiño por falla de espazos para os seus equipos e agora a xente que desexa xogar ten que desprazarse a Maside.

Así pois, temos que dende o ano 2009 no que se instalou o céspede artificial no campo de fútbol da Uceira cunha subvención da Xunta de Galicia na que estaba Pachi Vázquez, apenas se fixeron inversións de ningún tipo.

Tampouco se adaptaron ás necesidades dos usuarios as poucas instalacións existentes. Por exemplo, contamos cun Pavillón que, a pesares de quedarse moi escaso para as necesidades existentes, pecha as fins de semana e gran parte do verán.

A Piscina Municipal é un cúmulo de despropósitos que acumula gastos que superan con creces o millón de euros nos últimos anos e só provoca o disgusto e as queixas dos que a frecuentan.

O antedito campo de fútbol da Uceira precisa con moita urxencia unha renovación pois son moitos os equipos (sobre todo da base) que fan uso del,  sendo calamitoso o seu estado actual.

Os usuarios habituais da pista de pádel queixanse das dificultades con que se atopan para facer uso da mesma.

É unha anomalía que unha vila coma a nosa non conte cunha Piscina Climatizada Municipal.

A adaptación das instalacións de Pena Cobertoira para a práctica do atletismo e do ciclismo ou a construción dun novo Pavillón deben ser proxectos esenciais no plan de futuro desta vila.

A posta en marcha de pequenas pistas deportivas nos distintios barrios do pobo tamén é unha necesidade básica para fomentar o uso do deporte.

Como se pode apreciar hai moitas posibilidades e aínda máis necesidades, polo que se fai perentorio establecer unha pauta de traballo e unha planificación para ir cubrindo estas carencias e garantir que ninguén no Carballiño se atope con dificultades á hora de desenvolver a súa actividade atlética”.