O Programa Mentoring axuda a autónomos na súa fase de consolidación empresarial

Responsables da posta en marcha e o desenvolvemento do Programa de Mentoring, reuníronse na CEO para presentar a edición deste ano dunha iniciativa que xa leva 3 funcionando con excelentes resultados para o colectivo autónomo.
Promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade en cooperación coa Fundación Ronsel, este proxecto ten como obxectivo acompañar a persoas traballadoras autónomas na súa actividade profesional para conseguir a adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades do mercado actual, algo que na presentación resaltou Marisol Novoa como ‘fundamental para superar os retos deste período de adaptación continuo que nos está tocando vivir’.
Unha das finalidades do Programa Mentoring é obter melloras en áreas de xestión e contribuír ao incremento de contactos profesionais, actividade económica ou oportunidades profesionais e de negocio entre os participantes, como explicaba Luís Gª Deber, director da Fundación Ronsel, na presentación desta mañá.
Luís García comentou a metodoloxía e funcionamento deste programa, que percorre distintas fases: Motivación, Confianza e Comunicación na primeira; Inicio, Desenvolvemento e Maduración, para rematar con Acordo, Axendas e Avaliacións. O director de Fundación Ronsel explicou que o 66% dos rexistrados desta edición son mulleres e que os requisitos para participar son estar de alta como autónomos cun negocio con domicilio en Galicia, e terán prioridade os que conten cunha antigüidade mínima de 42 meses de actividade profesional. Neste caso, os rexistrados ascenden ao 62%.

Plan de acción do proxecto
Cada persoa autónoma participante asistirá a un taller de formación de 4 horas para coñecer o proceso de mentoring e os protocolos de actuación; e asignaráselle un mentor en función do tipo de apoio que necesite e que indicaría no momento de inscribirse no programa.
Ademais do contacto permanente dos e as autónomos cos seus mentores, estes celebrarán unha reunión presencial (cun mínimo dunha mensual) e durante un período de 7 meses para tratar as áreas de traballo seleccionadas. Nestas reunións existirá flexibilidade en canto a datas, horarios ou localizacións fixadas, para desenvolvelas entre o participante e o seu mentor, e poden dar lugar a que xurdan outras oportunidades de negocio ou profesionais entre os participantes. Para certificar a calidade do programa, un grupo de auditores comproban que o mesmo satisfai aos participantes e alcanzan os obxectivos desexados.
García Deber comentou resultados de edicións anteriores entre os que resaltaba a satisfacción da experiencia e a relación cos mentores, así como outros aspectos como o incremento de cifra de negocio nun 40% dos enquisados, ou se recomendaría a participación neste mentoring o que un 82% contestou afirmativamente e o 13% ‘moi probablemente si’.
Pola súa banda, Yago Borrajo, xefe territorial da Consellería promotora da iniciativa, resaltou que se trata dun programa para axudar á fase de consolidación empresarial, e David Martínez, presidente de Aepa, valorou positivamente este tipo de formacións para reivindicar a figura do empresario autónomo.

AVANTAR ACTIVIDADES