Manuel Baltar recoñece a fonda pegada que deixa Elixio Rivas, “un home que axudou a construír o noso propio coñecemento de Ourense”

O filólogo e etnógrafo ourensán, Medalla de Ouro da Provincia, morreu onte aos 97 anos tras unha vida adicada á investigación

Ourense, 25 de setembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, expresou esta mañá as súas condolencias polo pasamento de Elixio Rivas, falecido onte aos 97 anos. Persoa clave da filoloxía e a etnografía galega, Elixio Rivas é “unha figura fundamental desta provincia, á que axudou a súa propia autocomprensión grazas a unha vida completamente adicada á investigación”, prantexa Manuel Baltar, que recoñece as achegas dun home “tan valioso polo seu coñecemento como pola súa profunda dimensión humana”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Elixio Rivas foi distinguido coa Medalla de Ouro da Provincia en 2019 como recoñecemento a unha traxectoria exemplar, con fitos como a súas amplísimas investigacións sobre o léxico rural do noroeste peninsular ou o seu libro “A Limia”. “Un homenaxe a unha forma de ser e de sentir o noso, de divulgar os mellores valores que nos singularizan como pobo e como país”, como referendou Manuel Baltar no acto de entrega da medalla, o 1 de abril de 2019.

Nado en 1925 en Fondo de Vila, Xunqueira de Ambía, Elixio Rivas, relixioso paúl, licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1975) e doutor na mesma especialidade (1979). Especialista en Toponimia, a súa tese de doutoramento sobre esta materia e os seus traballos de investigación etimolóxica son un referente nos estudos universitarios referidos a esta temática. Foi membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da Universidade de Santiago, así como correspondente da Real Academia da Historia. 

Recoñecido con premios como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, entre as obras e proxectos de Elixio Rivas tamén destacan a restauración da ermida de San Mamede; a creación da Aula da Natureza en O Caudillo; os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago; ou a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico situado en Montemedo, Os Milagros.