O Psdeg Psoe reclámalle á Xunta que xestione o lobo e implemente axudas aos gandeiros

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle hoxe á Xunta un novo Plan de xestión do lobo que equilibre a protección desta especie co mantemento da actividade gandeira extensiva. Seco presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura do Parlamento na que tamén pedía aumentar as axudas por danos provocados polo lobo e que o PP se negou a aprobar.

Sinalou que “os nosos gandeiros necesitan que a Xunta, como administración competente en medioambiente e gandería, xestione a especie” e a súa convivencia cunha actividade económica tan importante para Galicia. Lembrou que o último Plan de xestión do lobo data de 2008, polo que urxe unha adaptación á situación actual, en base aos principios de conservación, prevención e compensación de acordo coas asociacións de defensa do lobo e os sectores gandeiro e veterinario.

AVANTAR ACTIVIDADES

O responsable socialista advirte de que “os danos que produce esta especie nas explotacións son cuantiosos, e as cantidades orzamentadas pola Xunta para prevención e indemnizacións son residuais e chegan con retrasos inasumibles de 2 anos. Sinalou que mentres Galicia dedicaba a este fin 600.000 euros en 2020, países como Francia, con menos poboación de lobo que Galicia, conta con investimentos de 32 millóns de euros en danos e prevención.

Martín Seco lembrou que o Estado “xa puxo a disposición das autonomías un orzamento de 20 millóns de euros para este fin”, polo que a Xunta de Galicia “debera sentarse a negociar e chegar a acordos para acordar co Ministerio, adaptar a súa xestión e negociar ben ante o goberno ese aumento das axudas para os afectados pola especie.

Actualmente Galicia conta cunha poboación estimada de 700 exemplares en 90 grupos familiares no 94 por cento do territorio galego, pero os censos están desactualizados, e se remontan a máis de 5 anos. Reclamoulle ao goberno galego que faga públicos os datos de que dispoña, porque “non vaia ser que a poboación sexa moito menor do que estimamos” e estean magnificando o problema.