O Psoe reclama “cambios de fondo” na política de prevención e extinción de incendios

. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamou hoxe “cambios de fondo” na política forestal da Xunta logo da vaga de incendios deste ano, que arrasou 44.000 hectáreas recoñecidas polo goberno galego. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria na que reclamou adiantar as tarefas preventivas antes de que comece a temporada de incendios.

A parlamentaria socialista lamentou que o director xeral eludira responder ás preguntas do Grupo Socialista sobre a valoración dos danos ocasionados polos incendios, nin deu conta da súa previsión para atender ás reclamacións por danos patrimoniais. Tampouco deu conta da obriga da Xunta de publicar o Pladiga en outubro, como sinala o Real Decreto 15/2002.

AVANTAR ACTIVIDADES

Rodriguez Dacosta afeoulle ao director xeral de Defensa do Monte que deixen estas tarefas preventivas ata o mes de xullo, que considerou “a todas luces inapropiado”. Lembrou que as propias organizacións sindicais denuncian “a falla de medios humanos e materiais para atallar a vaga de lumes”, mentres “os efectivos falan de descontrol, desastre e colapso”.

A responsable socialista reivindicou a profesionalización dos brigadistas, ademais de aplicar un servizo de prevención e extinción baixo un mando único dependente da Xunta, profesional e plenamente equipado, e rematar coa precariedade que lastra a actuación contra o lume. Denunciou as “xornadas abusivas, cuadrillas mermadas e a maioría delas mesmo sen constituír en plena temporada de alto risco”.

Acusou ao goberno galego de “maquillar as cifras previstas no Pladiga, numerando ao inicio da campaña de alto risco persoal que nunca chega a contratarse”, cando a realidade é que este ano rexistráronse “brigadas de 7 integrantes nas que en realidade había tan só 4 persoas e outras de 4 nas que só traballan 2”, con importantes problemas dos concellos para constituír as brigadas.

Advertiu de que o resultado do desleixo do goberno galego en política de prevención e extinción de incendios foi un dos peores anos dende que se teñen rexistros, incluíndo o maior lume nunca visto en Galicia, con importantes danos materiais e medioambientais en O Courel, Pobra de Brollón, Boiro, O Barco, Verín, Vilariño de Conso, O Irixo ou Oímbra.

o grupo socialista reclama “cambios de fondo” na política de prevención e extinción de incendios da xunta e critica que deixen as tarefas preventivas para xullo