A Xunta analiza co concello de Cortegada a posibilidade de declarar un entorno residencial de rehabilitación no municipio para optar ás axudas de eficiencia enerxética

Ángeles Vázquez pon o IGVS á disposición dos técnicos municipais co fin de asesoralos e orientalos para facilitar o acceso da veciñanza a este tipo de subvencións

O rexedor presentoulle tamén un proxecto municipal para poñer en valor unha praza e a conselleira comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia colaborará co concello de Cortegada para avanzar na posible declaración dun entorno residencial de rehabilitación programada no municipio co obxectivo de que os propietarios de vivendas emprazadas no mesmo poidan acceder ás axudas para a mellora da eficiencia enerxética, incluídas no programa de rehabilitación a nivel de barrio convocado este verán.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Avelino de Francisco, durante a reunión que mantiveron esta semana para abordar este e outros asuntos de interese para o concello.

Cómpre lembrar que o programa a nivel de barrio, financiado con fondos europeos do NextGenerationUE, foi publicado o 19 de xullo, cunha dotación de 11,5 millóns de euros. O importe das axudas previstas varía en función da mellora da eficiencia enerxética obtida e poden acadar o 100% do orzamento da obra, cun límite de 29.425 euros e unha axuda adicional de ata 1.000 euros por vivenda ou de 12.000 por edificio se é preciso retirar materiais que conteñan amianto.

Ademais, os concellos tamén poderán recibir axudas para acometer actuacións de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física nos ámbitos previamente seleccionados así como para ofrecer servizos de asesoramento na xestión das axudas.

Neste sentido e en vista do interese do concello por beneficiarse deste programa, a conselleira puxo ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) ao servizo dos técnicos municipais co fin de ofrecerlles asesoramento e orientación sobre os pasos a seguir para obter a declaración dun entorno residencial de rehabilitación en Cortegada.

Noutra orde de asuntos, o alcalde tamén lle trasladou á conselleira un proxecto municipal para poñer en valor unha praza do concello que alberga elementos de alto valor etnográfico. Ángeles Vázquez, pola súa parte, comprometeuse a que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analizará a actuación co fin de estudar posibles vías de colaboración entre ambas administracións ao abeiro do Plan Hurbe.