Femupo amadriña o encontro de asociacións de mulleres das provincias de Pontevedra e Ourense

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) promove esta fin de semana un encontro de asociacións xunto coa Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e a Asociación de Mulleres en Igualdade Amei Burela.

O encontro busca reflexionar e abrir camiños cara ao cambio xeracional na loita asociativa pola igualdade de xénero. Ao longo da fin de semana, tamén haberá espazos para a convivencia e o lecer.

AVANTAR ACTIVIDADES

As xornadas abriranse o venres 30 de setembro cunha cea de confraternización no restaurante Posada Lapamán de Ardán (Marín), á que asistirá a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

O sábado, 1 de outubro, será unha xornada repleta de actividades orientadas ás integrantes destas tres entidades. Pola mañá visitarán o Museo Massó e o centro histórico de Bueu, seguido dunha actividade de risoterapia na praia. Tras o xantar, a programación continúa cun paseo en barco entre as bateas da ría de Pontevedra, con saída dende o porto de Bueu. Unha guía explicará ás participantes o proceso do cultivo do mexillón e outras curiosidades. Ademais, poderán degustar a bordo mexillón ao vapor acompañado dun viño D.O.

As actividades do domingo, que están abertas ao público, desenvolveranse no Centro social do Mar de Bueu. Ás 11:00 hora terá lugar unha charla-coloquio arredor do eixe das xornadas, o cambio xeracional na loita pola igualdade. No coloquio, moderado pola presidenta de Femupo, Raquel Touriño, intervirán Pilar Otero da Asociación de Mulleres da Ría de Pontevedra; Patricia López en representación de Amei Vigo e unha representante de Femuro aínda por confirmar.