O concello de Ribadavia realiza a primeira proba do alumeado no paseo fluvial

O Concello de Ribadavia vén de anunciar que na tarde-noite de hoxe procedeuse a realizar a primeira proba para comprobar o correcto funcionamento do alumeado do paseo fluvial que une as parroquias de San Cristovo e Francelos. O goberno municipal rematou as obras de acondicionamento do paseo e a instalación das novas luminarias, que permitirán que o paseo a carón dos ríos Avia e Miño conte por primeira vez con luces, que facilitarán o tránsito da veciñanza polas noites, especialmente no inverno, cando os días son máis curtos.

Trátase, en palabras da alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, “dun proxecto pioneiro na provincia, que permitirá converter a nosa vila na única cun paseo fluvial totalmente alumeado”. A rexedora salienta que “hoxe realizaremos a primeira proba dunha obra que foi froito do traballo deste goberno municipal por seguir traballando por mellorar a calidade de vida e o día a día da nosa veciñanza”. Cabe destacar que a instalación das luminarias estaba incluída nun proxecto de eficiencia enerxética que lle permitiu ao consistorio cambiar todas as luminarias do municipio a luces LED, cun investimento de 890.543 euros, a través dunha subvención do Goberno do Estado.

AVANTAR ACTIVIDADES

Rodríguez Travieso tamén apunta a que estamos ante unha obra “moi significativa e que
gracias a procura de investimentos, sairalle totalmente gratis ao municipio”. A alcaldesa
salienta que coa instalación das novas luminarias e coa mellora do firme do propio paseo
“Ribadavia pon en valor un dos puntos fortes do seu patrimonio, neste caso paisaxístico, o que permitirá que a veciñanza poida saír a facer deporte ou a camiñar con total seguridade e cun paseo fluvial totalmente iluminado con cerca de 3 quilómetros de percorrido”.

Dende o goberno municipal apuntan a que o horario de iluminación das novas luminarias
do paseo fluvial “irán acorde coa tempada”, deste xeito, nesta época de outono
“acenderase entre as 20:30 horas e as 23:30 e máis adiante, coa chegada do inverno, adiantarase a hora de acendido para aclimatarse as horas de luz”. Tamén subliñan que
o gasto estimado “será de arredor de 2 euros por cada 6 horas de funcionamento”-