Espazo Común critica ao goberno do Carballiño por seguir tirando cartos perdendo xuízos polo despido improcedente de traballadores

NOTA INFORMATIVA DE ESPAZO COMUN

O goberno do Carballiño segue tirando cartos perdendo xuízos polo despido improcedente de traballadores

AVANTAR ACTIVIDADES

A obsesión privatizadora de Fumega leva a xestión municipal a un custoso absurdo que pagan os veciños do Carballiño entre sobrecustos e indemnizacións.

Servizos peores, condicións máis precarias para os traballadores e custos que se duplican son algunhas das consecuencias.

Dende o ano 2019 no que que Fumega acadou a maioría absoluta, o Concello do Carballiño emprendeu unha desbocada carreira para privatizar case tódolos servizos municipais.

Curiosamente, un alcalde que chegou ao poder criticando con dureza as privatizacións de Argimiro Marnotes e afirmando ser un firme defensor da xestión pública.

Isto, que podería quedar nun caso máis de tantos nos que Fumega dí unha cousa e despois fai a contraria, conta co agravante de que está a custar moitos cartos ao peto dos veciños.

Sirva como exemplo que, como Espazo Común denunciou hai uns meses, perpetrouse o despido de todo o persoal municipal de limpeza viaria para contratar a unha empresa.

Dende o 1 de xullo, esta vai encadeando contratos mes a mes nunha clara vulneración da Lei de Contratos e o que é peor, cun custo de 16.000 € mensuais para contar con só 4 varredores. Por ese mesmo custo, o Concello podería contratar a 9 operarios.

Pois por riba deste sobrecusto, hai que engadir que xa comezaron a saír sentenzas que condean ao Concello do Carballiño polo despido improcedente dos traballadores cos que contaba, coas conseguintes indemnizacións.

Tampouco se entende que unha vez que as decisións xudiciais dan a opción de incorporar a estes traballadores á plantilla municipal de xeito totalmente legal, Fumega rexeite a readmisión.

Bueno, só nalgúns casos. Noutros toma xusto a decisión contraria. Esta variabilidade en sentenzas de calado moi semellante tamén terá que ser explicada, non vaia ser que a decisión se tome en función de afinidades.