Formoso critica que a Xunta baixe impostos aos ricos mentres as entidades da rede de coidado social “teñen dificultades para chegar a fin de mes”

O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, criticou hoxe que a Xunta baixe o imposto do Patrimonio aos máis ricos “mentres entidades -da rede de coidado social- teñen dificultades para acadar os seus obxectivos e chegar a fin de mes”. Así o dixo logo da visita ao CIS Aixiña, en Ourense, antes de acudir á inauguración da feira termal Termatalia.

O responsable socialista criticou que a Xunta “considere que os ingresos e recursos que se lles transfiren” a estas entidades sexan “suficientes” mentres “estamos a comprobar como aos millonarios, aos que teñen máis de 2 millóns de euros se lles baixan os impostos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Criticou a decisión de Rueda de rebaixar os impostos dos ricos facendo caso omiso das necesidades reais de “entidades que requiren de recursos profesionais e están a traballar dende a eficiencia máis absoluta”.

Valentín González Formoso visitou hoxe o Centro Aixiña, “onde 7 entidades sociais prestan servizo a milleiros de persoas en Ourense, desenvolvendo unha labor que suplementa e da apoio e cobertura a milleiros de familias da provincia” con persoas con discapacidade.

Valoracións da discapacidade

O responsable socialista acudiu para escoitar de primeira man “as necesidades e as dificultades coas que conviven para sacar adiante a tantas persoas”. Logo do encontro, esixiulle á Xunta “maior celeridade na tramitación das valoracións da discapacidade”, que “constitúen un elemento distorsionador para acadar un mínimo de calidade de vida” por parte das persoas con discapacidade”.