O BNG enmenda a totalidade dos orzamentos da Deputación de Ourense

O voceiro do grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, ven de presentar unha enmenda á totalidade dos orzamentos provinciais de Ourense para o 2023, propostos polo goberno provincial do Partido Popular.  Por cuarto ano consecutivo, neste mandato, o grupo provincial do BNG presenta unha planificación política alternativa ao modelo practicado pola dereita na provincia ourensá.

Coa alternativa proposta polos nacionalista pódese garantir anualmente unha cantidade estábel e relevante de fondos aos concellos, que poderían empregar en investimentos, emprego e benestar. Proporcionando un investimento estábel aos 91 concellos da provincia menores de 20.000 habitantes, en claro beneficio dos máis de 200.000 ourensáns que residen nas vilas e no rural.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os nacionalista presenta un modelo de Plan Único a semellanza do que xa se está aplicando na outras tres provincias galegas. Un Plan Único que estaría dotado de 21.286.898,67€, unha cantidade  realista e abordable que representa pouco máis do 23% dos 90.970.000,00€ orzamentados pola Deputación de Ourense para o ano 2023.

 Esta proposta detrae fondos, especialmente, de partidas que son gastos protocolarios, así como outros gastos  que non teñen sentido.  Non semella  lóxico, indica Varela, que o PP aprobe a privatización da xestión  do lixo e ao mesmo tempo consigne máis fondos para dotar de medios o servizo de recollida que teoricamente xa xestionaría un privado.  E por suposto, continúa sinalando o voceiro do BNG,  todas as subvencións  nominativas a concellos e os programas provinciais, quedarían  encadradas no Plan Único, o  que lles permitiría aos concellos ter unha maior capacidade de xestión e enfrontar os retos que se lles presentan. 

Con este modelo os nacionalistas garanten  recursos a todos os concellos da provincia cun financiamento BASE de 80.000€, idéntico para todos, e un financiamento COMPLEMENTARIO, variable e calculado segundo criterios obxectivos. Os criterios para o cálculo de coeficientes de reparto serían: 20% Superficie; 25% en función das  Entidades de Poboación (dispersión poboacional); 40% Poboación; 15% índice de envellecemento, todos eles criterios obxectivos, tal como propón a FEGAM. 

Podéndose fixar normas, manifesta o voceiro do BNG, para que cando menos unha porcentaxe destes orzamentos se adicase nos concellos a investimentos, emprego e benestar. Así os concellos terían total autonomía para decidir cales van ser estes novos investimentos (obras ou subminístroos), tendo en conta os servizos mínimos e obrigatorios que deben prestar. O conxunto das distintas programacións que ofrece actualmente a Deputación aos municipios pasarían a integrarse neste único plan, simplificando e axilizando todo o aparato burocrático actual adicado a tramitar e xestionar centos de pequenas subvencións. 

 Este modelo permite dar cumprimento á verdadeira finalidade das deputacións provinciais, tal e como están concibidas na actualidade e mentres non desaparezan, de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes. E sobre todo, con este modelo garantes rematar coas prácticas clientelares no reparto de recursos públicos, que pasarían a distribuírse en base a criterios totalmente obxectivos, beneficiando a todos por igual.

“Desde logo os orzamentos que presenta o grupo de goberno provincial son máis do mesmo, e á vista están os resultados desta nefasta xestión económica na provincia”. Desde o ano 2009 a provincia ourensá perdeu o 9% da poboación, 30.419 habitantes; mentres que no resto de Galiza a poboación reduciuse nun 3,5 %; así a provincia de Ourense triplica a porcentaxe de perda de poboación en comparanza co resto de provincias galegas, redución de poboación que descendeu soamente entre os habitantes de menos de 65 anos, mentres que a de máis de 65 aumenta. Non só é a provincia galega que máis poboación perdeu, nin só é a provincia galega coa poboación máis envellecida, senón tamén do Estado español.

 O BNG presenta esta alternativa económica, unha alternativa de xestión provincial, baseada en cuestións obxectivas, e sen criterios aleatorios de oportunidade partidaria ás que nos ten acostumado o goberno do PP.